Medio Rural outorga 3,7 millóns de euros en axudas a 80 adegas e produtores da Denominación Rías Baixas

O Salnés
21 de abril 2022

Dezaseis adegas e o Consello Regulador recibiron 2,1 millóns de euros ao abeiro das ordes para promoción do sector vitivinícola en terceiros países e para elaboración e venda de produtos do viño de 2021. As axudas para reestruturación e reconversión da viña beneficiaron a case 80 empresas e profesionais da Denominación de Orixe cunha contía próxima aos 1,6 millóns de euros

Visita á adega Martín Códax Xunta de Galicia

A Consellería do Medio Rural vén de outorgar axudas por 3,7 millóns de euros a prol de 80 adegas e produtores da Denominación de Orixe (D.O.) Rías Baixas ao abeiro das liñas de promoción, elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e de reestruturación e reconversión de terreos de vide de 2021.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, informou da concesión destas achegas, orientadas a mellorar a produción e a internacionalización do sector, nunha visita ás instalacións de Bodegas Martín Códax en Cambados.

Dezaseis adegas e o Consello Regulador recibiron 2,1 millóns de euros ao abeiro das ordes para promoción do sector vitivinícola en terceiros países e para elaboración e venda de produtos do viño de 2021.

As axudas para reestruturación e reconversión da viña beneficiaron a case 80 empresas e profesionais da Denominación de Orixe cunha contía próxima aos 1,6 millóns de euros.

O representante autonómico, acompañado polo presidente de Martín Códax, Xoán Allegue, e outros directivos, destacou "o seu gran traballo para a xeración de riqueza e emprego e para exercer, a través do viño, de embaixador de Galicia en todo o mundo".