Medio Rural dá por extinguido o incendio en Aguasantas

Cerdedo-Cotobade
19 de setembro 2024

Finalmente a superficie afectada foi de 13,88 hectáreas "a maior parte delas de monte raso", sen que existise perigo para vivendas nin núcleos de poboación

Incendio forestal en Aguasantas Concello de Cerdedo-Cotobade

A Consellería do Medio Rural deu por extinguido este xoves o incendio que afectou á parroquia de Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade.

Finalmente a superficie afectada foi de 13,88 hectáreas "a maior parte delas de monte raso", sen que existise perigo para vivendas nin núcleos de poboación.

O lume iniciouse sobre as cinco da tarde do pasado martes nun monte próximo á zona de Calvelle e non se puido estabilizar ata a madrugada do mércores. Medio Rural xa declarou controlado o incendio pola tarde.

Ao longo de todo este tempo traballaron nos labores de control e extinción do incendio 14 axentes, 26 brigadas, 21 vehículos motobomba, catro técnicos, dúas pas, seis hidroavións e cinco helicópteros.