Os datos do crecemento turístico mostran que no primeiro semestre deste ano visitaron a provincia de Pontevedra un total de medio millón de turistas, experimentando un crecemento do 12,6% respecto de 2016.
Así o manifestaba a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a sinatura do convenio anual coa Mancomunidade de Terras de Pontevedra, o organismo que potencia a actividade turística na comarca e que está presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
O convenio contempla un investimento de 100.000 euros para potenciar propostas que fomenten as visitas á comarca, con investimento dun 60% por parte da Xunta e 40% dos diferentes concellos que integran a mancomunidade.
Nava Castro incidiu en que esta colaboración busca poñer en valor, sobre todo, a arte rupestre en relación co Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro e con todo o patrimonio que se atopa nos diferentes concellos da contorna.
A directora xeral de Turismo sinalou que é necesario explotar os recursos endóxenos e promover un turismo tranquilo, o denominado slow turismo. Para iso tamén se quere potenciar a idea de inclusión de forma que a oferta hostaleira adáptese e sexa accesible ás persoas con diversidade funcional. Apuntou que se rexistraron 1.100.000 pernoitas na provincia durante o primeiros seis meses deste ano, un incremento dun 11% respecto de 2016.
Tamén destacou a presenza dun 28% de turistas internacionais, unha cifra que segue aumentando e para a que dixo que é necesario estar preparados.
No mesmo sentido pronunciouse o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, que destacou o feito de que a mancomunidade cada vez conta con máis forza, coa reincorporación do Concello de Barro e a suma de Cerdedo-Cotobade. Lores sinalou que non se aposta por un turismo excesivo como o que se está rexistrando en Cíes durante este verán senón unha proposta máis familiar, deportiva e congresual, que permita desestacionalar a presenza de visitantes.
O presidente de Terras de Pontevedra engadía que a materia pendente é superar o descoñecemento da zona das Rías Baixas como destino turístico e por este motivo é necesario ofrecer información para que os bloggers e os operadores de turismo promocionen esta zona.
Nava Castro tamén sinalou que a Xunta seguirá sendo inflexible cos espazos nos que contemplen masificación de visitantes como xa sucedeu na praia das Catedrais como, durante estes días, nas Cíes.
A sinatura deste convenio na Delegación da Xunta tamén acudiron o delegado en Pontevedra da administración autonómica, Cores Tourís; o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes; o de Poio, Luciano Sobral; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o de Ponte Caldelas, Andrés Díaz e o de Vilaboa, José Luis Poceiro.