A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra daba o visto e prace ao expediente de contratación do servizo de roza en vías e espazos da zona rural e periurbana.
Eva Vilaverde, primeira tenente da alcaldía de Pontevedra, explicaba que o investimento ascende a 500.000 euros, máis do dobre da cantidade destinada en 2023.
Sinalaba que se trata dunha iniciativa que parte da decisión de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, anunciada a principio de mandato de reforzar o mantemento e que se detectou unha deficiencia nestas zonas.
Ademais, tamén recoñecía que se trataba dunha das reclamacións realizadas polo grupo municipal do Partido Popular na negociación da modificación de crédito.
O traballo consistirá na roza con limpeza e recollida de residuos tanto en camiños como en contorna de praias, acceso a infraestruturas ou espazos singulares como os campos de festa.
"Tede en conta que en Pontevedra hai 540 quilómetros de vias e camiños asfaltados", indicaba Vilaverde.
ACOMETIDA ELÉCTRICA EN MONTECELO
Na Xunta de Goberno tamén se iniciaba o expediente de contratación destinado a reforzar a subministración eléctrica que chegue ao Hospital Montecelo.
Incrementarase a acometida actual cunha de reserva, ademais de mellorar os grupos electróxenos .
O orzamento ascende a 317.817 euros e establécense seis meses de prazo de execución cun percorrido que une a estación eléctrica de Mourente con Montecelo, explicaba a concelleira nacionalista.
OBRAS EN SANTA MARÍA
Dentro da orde do día, tamén se outorgaba a licenza para a restauración da fachada e cubertas da Basílica de Santa María.
Trátase dunha obra impulsada pola Xunta de Galicia en convenio coa diocese cun orzamento de 347.802 euros e un prazo de execución dun ano.
ESPECTÁCULOS PIROTÉCNICOS
Adxudicábanse os contratos dos espectáculos pirotécnicos para as festas de verán divididos en tres lotes.
Os de Ruído, cun total de 16.000 euros por dous anos e os lumes das festas de Santiaguillo e comezo da Peregrina, que é de 83.823 euros por dous anos. Ambos para a empresa Penide.
Os pertencentes a San Roque e tamén da Festas da Peregrina outorgáronse a Pirotecnia Saraiva por 88.330 euros, por dous anos.
TARIFAS DO APARCAMENTO
Por último, entre outros temas, revisábanse as tarifas do aparcamento da Praza de España. Aprobábase un incremento do 2,8% das tarifas recollendo a variación de prezos atendendo ao IPC.
Pásase dun máximo de 1,82 euros como máximo á hora a 1,87 euros, segundo indicaba Eva Vilaverde.