Medio cento de pacientes hospitalizados por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
24 de marzo 2020

A área sanitaria contabiliza este martes 179 casos activos de pacientes con coronavirus. Segundo a última actualización de datos, nas últimas 24 horas sumáronse 15 novos positivos, todos eles novos hospitalizados. En hospitais hai 42 pacientes en planta e 8 na UCI 

Urxencias do Hospital Montecelo / ARQUIVO Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabiliza este martes 179 casos activos de pacientes con coronavirus. Segundo a última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de  Sanidade, nas últimas 24 horas sumáronse 15 novos positivos, un incremento diario inferior ao de xornadas anteriores, pero que chama a atención porque coincide co número de novos hospitalizados.

Con este aumento, os casos confirmados pasaron de 164 este luns a 179 un día despois e o número de pacientes hospitalizados e illados para recibir o necesario tratamento pasan de 35 a 50, entre os que se atopan en planta e os que están en unidades UCI.

En concreto, deses 179 casos activos na área sanitaria, 42 están hospitalizados en planta, 5 deles no Hospital  do Salnés, e o resto en centros de Pontevedra. Os oito restantes permanecen ingresados na UCI, dúas máis que o luns. 

Segundo as cifras oficiais facilitadas, o número total de pacientes illados nos seus domicilios non sufriu variación, seguen sendo 129, os mesmos que este luns.  

Desde o inicio do plan de continxencia do  COVID-19, prescribíronse dúas altas na área sanitaria a pacientes que, tras estar ingresados durante 14 días de tratamento, están curados e agora dan negativo á proba de coronavirus. 

No conxunto de Galicia, este martes o número de casos de coronavirus ascende a 1.374, deles 359 son da área da Coruña, 97 da de Lugo, 152 da de Ourense, 312 da área de Vigo, 239 da de Santiago, e 36 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 54 permanecen en UCI, 337 están en unidades de hospitalización e 983 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 19 altas de pacientes e 22 falecementos. Os últimos falecidos eran un home de 83 anos, que estaba ingresado no Hospital da Mariña, e que tiña patoloxías previas; e outro home, de 61 anos, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e tamén tiña patoloxías previas.

 A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.