A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este domingo 10 de xaneiro un total de 736 casos activos de covid-19, 12 máis que un día antes e dos que 50 son pacientes que, pola súa gravidade, requiren estar hospitalizados.
As cifras recollidas no último balance oficial facilitado pola área sanitaria indican que nas últimas 24 horas confirmáronse 51 novos positivos por covid-19, pois aos 12 casos activos máis contabilizados hai que sumar os 37 pacientes que recibiron o alta na última xornada e dúas baixas de dous pacientes falecidos.
Do total de 736 casos activos, 686 son persoas que evolucionan en corentena nos seus domicilios e os outros 50 están no hospital, dous menos que o sábado, de modo que os casos activos aumentan, pero non a presión hospitalaria. Eses dous pacientes menos se corresponden coas dúas persoas falecidas o sábado, un home de 69 anos e unha muller de 77 que estaban ingreados en Montecelo e ambos presentaban patoloxías previas.
En canto á situación nos hospitais, mantéñense 12 pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, os mesmos que o sábado, pero hai 38 ingresados en planta de hospitalización. Deles, 28 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 10 no Hospital do Salnés.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse na área sanitaria 6.600 pacientes (37 na última xornada) e faleceron 86 pacientes (dous o sábado).
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 674, que elevan a 120.151 o total de probas xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
A nivel autonómico, confirmáronse 718 novos positivos, dos que 661 son por probas PCR realizadas nas últimas 24 horas. Os casos activos sitúanse en 7.795 en toda a comunidade, 403 máis que o día anterior.
Os datos reflicten un aumento dos casos activos en todas as áreas sanitarias excepto Santiago de Compostela. A maior incidencia acumúlase na Coruña, con 1.831 casos, 135 máis que o día anterior, seguida de Santiago con 1.642 casos (-8), Vigo con 1.397 (-67), Ourense con 947 (+91), Lugo con 751 (+52), Pontevedra con 736 (+12) e Ferrol con 491 (+54).
O total de pacientes hospitalizados aumenta en 16 persoas, de 405 a 421 pacientes, dos que 61 están en UCI, dúas menos que o sábado, e 360 en unidades de hospitalización, 18 máis que un día antes. O total de probas PCR realizadas é de 1.176.872, 8.866 nas últimas 24 horas, cun 8,09% de positivos e faleceron pola pandemia en Galicia 1.445 persoas, 4 máis nas últimas 24 horas.