Medio Ambiente adxudicará este mes a construción do centro de fauna silvestre de Carballedo

Cerdedo-Cotobade
08 de xuño 2017

A construción do centro de recuperación de fauna silvestre que a Xunta proxecta en Carballedo será adxudicada antes de que remate este mes de xuño. Así llo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, ao presidente da xestora de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, co que mantivo unha reunión en Santiago. Os técnicos están a ultimar a análise da documentación das ofertas presentadas ao contrato de licitación desta actuación, por un importe de 700.000 euros

Reunión de Jorge Cubela coa directora xeral de Patrimonio Natural Xunta de Galicia

A construción do centro de recuperación de fauna silvestre que a Xunta proxecta en Carballedo será adxudicada antes de que remate este mes de xuño. Así llo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, ao presidente da xestora de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, co que mantivo unha reunión en Santiago.

Os técnicos están a ultimar a análise da documentación das ofertas presentadas ao contrato de licitación desta actuación, por un importe de 700.000 euros. 

O novo centro de recuperación de fauna silvestre constará de dúas instalacións próximas.

A primeira edificación, de 286,89 metros cadrados, estará destinada á recepción dos animais, tratamento e atención veterinaria; e a segunda, de 554,48 metros cadrados, será para a recuperación inicial dos animais e outros servizos necesarios que garantan os coidados durante a súa estancia no centro.

O centro está pensado para a recuperación de aves silvestres, pero tamén contará con recursos para o tratamento doutras especies, réptiles e mamíferos especialmente, que se atopen feridos ou enfermos. 

Esta instalación estará situada na parroquia de Carballedo, onde xa está instalado o centro ictioxénico e concluír así o complexo ambiental de Cotobade.

A Xunta destaca que a confluencia nun mesmo espazo dos centros de recuperación e repoboación de especies garantirá a eficiencia dos recursos, ademais de que porá o foco no Concello de Cerdedo-Cotobade en canto á atención á fauna, principalmente ás aves, e ao repoboamento do salmón, troita e reo, como xa se fai dende o centro actual de Carballedo.