Masiva protesta pola "situación especialmente extrema" da atención primaria en Poio

Poio
04 de decembro 2022

Unhas 500 personas chegadas desde todas as parroquias de Poio responderon á convocatoria. Marga Caldas lembrou que é un dos municipios que conta cun dos ratios de pacientes por facultativo máis elevados de toda Galicia, o que provoca unha situación "crítica" en todos os centros sanitarios

Concentración diante do centro de saúde de Anafáns Concello de Poio

Masiva protesta a convocada este domingo pola Mesa pola Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio diante do centro de saúde de Anafáns.

Unhas 500 persoas chegadas desde todas as parroquias de Poio responderon á convocatoria, na que tamén se aproveitou para recoller sinaturas en favor da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para esixir ao Parlamento de Galicia que se tomen medidas para garantir o servizo sanitario en condicións.

A concentración tiña como obxectivo esixir á Xunta de Galicia investimentos e a dotación de persoal para "salvar a atención primaria" e garantir o fortalecemento do sistema sanitario.

Os convocantes denuncian que o servizo está sendo deficitario en toda Galicia e atópase nunha "situación especialmente extrema" no caso de Poio, onde a falta de persoal e a política da Consellería de Sanidade de non cubrir prazas vacantes dos facultativos "está a provocar o bloqueo de axendas".

A protesta contou co apoio dunha ampla representación do Goberno local e Corporación de Poio, entre eles, o alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Sanidade, Marga Caldas. Tamén acudiron asociacións e colectivos do concello.

Os manifestantes despregaron unha pancarta reivindicativa e representantes da Plataforma SOS Sanidade, do persoal médico e do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita leron un manifesto.

Este manifesto denunciou que "a Consellería de Sanidade non ten vontade de facer fronte a esta problemática", o que "fai imposible que se recupere a normalidade nas consultas de medicina familiar e os servizos de Pediatría e os PAC pechados por falta de persoal".

Os convocantes anunciaron que, de seguir esta situación, a Mesa pola Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio continuará convocando novas accións reivindicativas sempre que sexa necesario. "Non imos parar ata conseguir o obxectivo de salvar e fortalecer a nosa atención primaria. Ata o de entón, Poio seguirá en loita", aseguraron.

Marga Caldas lembrou este domingo que Poio é un dos municipios que conta cun dos ratios de pacientes por facultativo máis elevados de toda Galicia, o que provoca unha situación "crítica" en todos os centros sanitarios. 

Así, denunciou que en Anafáns non se cubren vacantes e se bloquean axendas. En Raxó reduciron o servizo de atención primaria a tres días, derivando o resto das xornadas a pacientes a urxencias, con peches intermitentes porque non se cobren as vacacións, permisos e baixas dos e das profesionais. En Combarro, tampouco se está a cubrir a vacante dun facultativo a tempo completo, o que supón que se reduce o servizo a dúas tardes á semana.