Masiva asistencia da veciñanza de Poio ao cribado organizado por Sanidade na Seca

Poio
30 de xaneiro 2021

Sanidade convocou a este proceso a un total de 7.863 persoas, que conforman a poboación diana á que se dirixe este cribado, o 70% dos habitantes de Poio que teñen entre 15 e 50 anos. Unha carpa instalada na chaira da Seca serviu como centro de operación deste cribado

Cribado en Poio para detectar asintomáticos Cristina Saiz

A primeira xornada do cribado masivo para detectar positivos asintomáticos en Poio levou este sábado ata A Seca por centos de veciños e veciñas do municipio.

Sanidade convocou a este proceso a un total de 7.863 persoas, ao longo do próximos catro días, que conforman a poboación diana á que se dirixe este cribado, o 70% dos habitantes de Poio que teñen entre 15 e 50 anos.

Unha carpa instalada na chaira da Seca serviu como centro de operación deste cribado. A ela achegáronse os pacientes para recoller os envases nos que tiñan que depositar a súa saliva para detectar as posibles infeccións.

Quince profesionais sanitarios, baixo a coordinación dun médico, distribuíronse en seis equipos para axilizar a atención aos participantes neste cribado.

As mostras obtidas durante estes catro días serán analizadas polo servizo de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo, no hospital Álvaro Cunqueiro.

Os resultados negativos serán comunicados por SMS e os positivos notificaranse de maneira individual a cada cidadán para activar o protocolo e illalo canto antes.

Para este cribado, o Concello de Poio, ademais de achegar a carpa na que se recollen as mostras, puxo en marcha un dispositivo de seguridade no que participan Policía Local e Protección Civil para evitar que se produzan aglomeracións.