Masiva asistencia á manifestación en defensa da Atención Primaria no Salnés

O Salnés
15 de outubro 2022

Representantes institucionais e de distintas formacións políticas acompañaron a miles de cidadáns que percorreron o centro urbano de Vilagarcía na marcha de protesta convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública. A manifestación trasladouse desde a Casa do Mar ata a Praza de Galicia denunciando a "alarmante" degradación do sistema público de asistencia sanitaria

Pancarta de Pediatras de Galicia Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo

Os organizadores da manifestación en defensa da Atención Primaria no Salnés consideran un éxito a convocatoria cunha asistencia masiva tanto de cidadanía en xeral como de representantes institucionais e de diversas formacións políticas, que completaron o percorrido entre a Casa do Mar de Vilagarcía e a Praza de Galicia onde o portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública Salnés, José Manuel Ribadomar, lía un manifesto.

Os alcaldes de Vilagarcía, O Grove, A Illa de Arousa, Cambados, Meis e Meaño acudían a esta cita do mesmo xeito que o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso; e a deputada do BNG, Montse Prado, do mesmo xeito que representantes das distintas corporacións municipais do Salnés e persoal sanitario da contorna.

A protesta centrábase en denuncia a "constante deterioración" e o desmantelamento da sanidade pública en Galicia. No manifesto, Ribadomar culpaba desta situación ás políticas aplicadas polos gobernos do Partido Popular desde a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Cualificou de "dramático" o estado en que se atopa a Atención Primaria con dificultades para que a cidadanía poida ser atendida. Sinalou tamén que na comarca do Salnés faltan pediatras na maioría dos concellos; falta persoal nos Puntos de Atención Continuada que provocan mesmo peches; as listas de espera para a primeira consulta superan os quince días na atención telefónica; peche de servizos de urxencias e falta de ambulancias.

O portavoz da plataforma expuxo que estas carencias sitúan ao Salnés como unha referencia no déficit da asistencia sanitaria. Reclamou un xiro nas medidas fixando uns mínimos de dispoñibilidade de centros e persoal por habitante que garanta unha asistencia sanitaria presencial e de calidade; a apertura dunha rede de centros sanitarios reabrindo consultas, centros de saúde, PACs e Urxencias clausurados nos últimos anos.

Tamén reivindican máis dotación de persoal sanitario para o correcto funcionamento dos centros de saúde con novas especialidades profesionais; dotación dun orzamento extraordinario; e unha negociación con todos os axentes sociais e administracións locais para planificar as accións necesarias para acometer estas medidas. José Manuel Ribadomar lamentou que gobernos do Partido Popular como o do Concello de Sanxenxo non apoiasen estas reivindicacións e garantiu que a plataforma seguirá traballando para demandar unha sanidade pública e de calidade.