Más dunha década reclamando unha rotonda en Alba: "Xa estamos ata as orellas. Un día si e outro tamén hai accidentes"

Pontevedra
30 de maio 2024

O accidente entre un autobús escolar e unha furgoneta reabriu un debate na parroquia. "Queremos dunha vez por todas que isto se solucione", piden os veciños, que cren que unha rotonda melloraría a seguridade viaria, reducindo a sinistralidade. "Isto clama ao ceo", quéixanse 

Juan, veciño de Alba, reclama unha rotonda Mónica Patxot

O accidente entre un autobús escolar e unha furgoneta rexistrado na mañá deste mércores na estrada N-550 en Alba reabriu un debate que se remonta a hai máis dunha década nesta parroquia pontevedresa. Desde hai anos, os veciños reclaman a construción dunha rotonda nesta zona, no cruzamento situado á altura do bar O Novo Mirador, un punto negro de accidentes. 

Juan, un veciño das inmediacións do cruzamento, faise eco do cansazo dos cidadáns da zona coa falta de respostas ás súas demandas. "Os veciños xa estamos ata as orellas de toda esta trapallada. Un día, un accidente. Outro día, outro accidente... Queremos dunha vez por todas que isto se solucione". E cren que a rotonda melloraría a seguridade viaria, reducindo a sinistralidade.

E é que, segundo denuncian estes veciños, a accidentalidade é elevada. "Un día si e outro tamén hai accidentes" insiste unha veciña que prefire non dar o seu nome. Indica que falou persoalmente con distintas administracións sen éxito. Faino periodicamente porque hai casos todos os días. Esta mesma semana tiveron un sinistro o domingo e outro o mércores. Este último, ademais, deixou un ferido e moitos problemas circulatorios, cun tráfico "horrible" durante horas.

"Eu o único que pido é unha rotonda porque hai moitísimos accidentes. Todo horroroso, horroroso, horroroso", insiste esta veciña que apunta que a rotonda será a solución porque é un punto con moitos Stop que os coches non respectan e xéranse colisións.

Ademais, hai moita densidade de tráfico, en especial a primeira e última hora da mañá e durante as fins de semana; hai moitos camións que utilizan esa estrada para evitar a peaxe da autoestrada; xéranse atascos; e altérase a súa vida con constantes bocinazos. "Isto clama ao ceo". 

"Eu o único que pido é unha rotonda porque hai moitísimos accidentes. Todo horroroso, horroroso, horroroso"

As primeiras denuncias públicas remóntanse xa ao ano 2011 e, nos últimos anos, periodicamente volven saír á luz e mesmo protagonizou promesas políticas en períodos electorais. Os veciños non queren sinalar a ningún partido, pero aseguran que lles prometeron en firme unha solución desde varias siglas. "Xa hai 10 anos dixo algún político que estivo aquí que xa estaba programada e xa aprobada", asegura José, outro veciño das inmediacións do cruzamento.

Este veciño asegura que un político chegou a dicirlle que xa estaba orzada, pero "xa pasaron unha chea de anos e segue habendo accidentes todos os días". Insiste en que "é moi raro o día que non hai algo aquí, ás veces son pequenos, pero hoxe xa foi máis grave e un día imos ter unha desgraza".

Avelino, que rexenta un local nas inmediacións, sufriu el mesmo un accidente no ano 2015 cando ía en moto e cruzóuselle un coche. Ademais, presencia como "aí cada dous por tres hai accidentes" e ve "unha necesidade imperiosa" que se constrúa esa rotonda, que evitaría que condutores se salten os Stop ou Ceda o Paso. 

Juan, o seu veciño de á beira, pide outras melloras na zona como controlar que os vehículos non estacionen na beiravía nunha zona na que está pintada a sinalización de prohibido aparcar, pero os coches detéñense igual, complicando a visibilidade e mobilidade, e converténdose noutro foco de accidentes. Pide que se repinte. 

Tamén a asociación O Chedeiro de Cerponzóns, parroquia lindeira con Alba, fíxose eco destas demandas. Juan José Esperón, o seu portavoz, lembrou o "malestar" que teñen os veciños porque levan "moitos anos" pedindo a todas as administracións que "por favor, é necesario unha rotonda" tanto nese punto como un pouco máis adiante nesa estrada N-550, á altura da Ermida.