As mariscadoras a pé da Confraría de Arcade, en Soutomaior, saen á rúa este luns. Ás 10.00 horas convocaron unha protesta no peirao para esixir os seus dereitos e denunciar que a confraría lles impide o uso dunha embarcación para ir ata os bancos marisqueiros, entre outras queixas.
Este colectivo está parado desde finais de 2023 e retomará a actividade en abril. Antes de facelo, querían achegarse ata os bancos marisqueiros da Ría de Vigo para poder ver como están e como organizar o seu regreso ao traballo. Con todo, atopáronse con que a confraría non lles permite usar o barco.
A presidenta da asociación de mariscadoras Virxe do Carme de Arcade, Rita Míguez, explica que esta concentración responde a unha situación que lles chega nun dos seus peores momentos, despois de que meses atrás sufriran unha mortaldade masiva de marisco pola auga doce e agora, para retomar a actividade, necesitan avaliar a situación e tamén realizar labores de limpeza e preparar o banco para volver extraer o marisco.
Para chegar aos seus bancos marisqueiros precisan unha embarcación para cruzar o río Verdugo ata a súa zona de traballo e, para iso, contan habitualmente cun barco. Segundo explicou Rita Míguez, trátase dunha embarcación que teñen desde hai 20 anos tras adquirila cunha subvención.
Agora, segundo as mariscadoras de a pe, a confraría "dinos que temos unha débeda que non admitimos" e non lles deixan usala. Así, lembran que pagan unha cota de socio, "como todo o mundo", e deixan na confraría "un tanto por cen do noso traballo, como todo o mundo". Desde hai anos, achegan o 1% dos seus ingresos para o barco.
Agora, non lles deixan usala, pero elas aseguran que sempre que houbo algunha avaría importante pagaron a metade e en outubro pagaron unha factura de máis de 1.000 euros. Desta forma, critican que non entenden que lles digan que existe esa débeda, "non é algo racional".
Outra das críticas destas mariscadoras é que lles acaban de subir a cota anual, que pasa de 50 a 650 euros sen un informe financeiro que o xustifique. "Piden unha cota de 650 euros e non deixan o barco. Parece que están a nos facer unha discriminación. É como unha ditadura", sostén a presidenta das mariscadoras.
Ante esta situación, asegura que "non nos queda máis remedio que gritar aos catro ventos" contra a "mala xestión" da confraría. "Non nos queda outra que manifestarnos e estar en pé de guerra", insiste.