Marín xa ten todo organizado para a gran festa do Entroido

Marín
31 de xaneiro 2020

Representantes do Concello e das asociacións que participan na organización de determinadas actividades presentaron o cartel e a programación das festas, que irán do 18 ao 29 de febreiro

Presentación do Entroido de Marín Concello de Marín

As escalinatas do Concello de Marín acolleron este venres a presentación do cartel e da programación do Entroido da vila marinense, que coma sempre encherá de cor, de diversión e de música a localidade desde o martes, 18 de febreiro, ata o mércores 26, ademais das dúas tracas finais en Seixo e en San Xulián.

A imaxe deste ano e o programa foron presentados por Marián Sanmartín, Raquel Soage, Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez. As concelleiras do equipo de Goberno estiveron acompañadas por representantes das distintas asociacións que colaboran nalgunhas das actividades do programa entroideiro, como o Ateneo Santa Cecilia ou a Asociación Os da Caña, entre outras.

Tal e como asegura o Concello, o obxectivo desta festa é que sexa "transversal, pensada para todas as idades e para todo tipo de públicos", na que a tradición do Enterro da Sardiña ou doutras citas ineludibles, como a Festa do Merengue, poidan conxeniar coa modernidade das comparsas, os desfiles e os disfraces máis vencellados á actualidade.

O martes, 18 de febreiro, ás 20.00 horas terá lugar a inauguración da exposición fotográfica de Julio Santos sobre o Enterro da Sardiña no local do Ateneo Santa Cecilia (ata o 29 de febreiro). E o venres, 21 de febreiro, ás 20.00 horas, a conferencia sobre os Entroidos do Morrazo, de Cobres e do Hío no Museo Torres, a cargo de Mario Soto e Anxo Rosales. Este mesmo venres ás 21.30 horas haberá Cantos de Taberna polos bares de Marín.

O sábado, 22 de febreiro, comezan ás 15.30 horas as inscricións para o Desfile Infantil, no Palco da Música da Alameda. Ás 16.30 horas arranca o Desfile Infantil polas rúas Real, Praza do Reloxo, Sol, Doutor Touriño, Busto de Abaixo e Jaime Janer. Ao rematar haberá animación infantil. E para repoñer forzas, ás 18.00 horas está prevista unha degustación popular de filloas na Alameda.

O domingo, 23 de febreiro, haberá ás 12.30 horas unha concentración das comparsas marinenses na Alameda de Rosalía de Castro. E pola tarde, ás 16.00 horas se concentrarán os participantes no Desfile de Adultos na Praza do Regueiro para saír todos xuntos ás 17.00 horas no Gran Desfile de disfraces e carrozas. O itinerario previsto é: Praza do Regueiro, Avenida de Ourense, Praza de España, Almuíña, Jaime Janer, Concepción Arenal e Parque Eguren.

O luns, 24 de febreiro, ás 12.00 horas será a Festa do Merengue na Lameiriña, acompañados por Pousos da Area. E o martes, 25 de febreiro, ás 17.00 horas a Festa Infantil no Multiusos da Praza de Abastos con música, sorteos, animación e chocolatada. E ás 20.00 horas o concurso de filloas e orellas, con entrega de premios no local do Ateneo Santa Cecilia.

O mercores, 26 de febreiro, ás 17.00 horas comeza o velorio no Palco da Música. O Enterro da Sardiña será ás 20.00 horas con saída da rúa Jaime Janer, baixada polo Busto, Doutor Touriño e Rúa do Sol, ata chegar á Praza do Reloxo, onde terá lugar o pregón. Ao rematar, saída pola Rúa Real, Almuíña, Praza de España e despedida ao mar.

Para o sábado, 29 de febreiro, ás 17.00 horas está prevista a actuación da Charanga Noroeste polas rúas de Seixo. Ás 17.30 horas será desfile que irá das inmediacións da gasolineira ata a Alameda de Seixo. Baile de disfraces a partir das 18.00 horas.

O domingo, 8 de marzo, ás 12.00 horas haberá degustación do Bolo do Pote a cargo de Pousos da Area e Urralas olas con xogos populares, a cargo da Asociación Cultural Santo Tomé de Piñeiro, na Alameda.

E finalmente, o domingo, 22 de marzo ás 17.00 horas chega o Entroido de San Xulián con saída desde San Pedro ata O Igrexario.

Arquivado en