Marín volve ser, tres anos despois, a vila das camisetas a raias

Marín
25 de setembro 2022

Tres anos despois, as camisetas a raias volveron a invadir as principais rúas e praza de Marín. O San Migheleiro, a celebración máis divertida e gamberra do municipio, regresou con forzas renovadas, deixando ao seu paso un regueiro de risas, diversión e bo ambiente

Festa de San Migheleiro en Marín Cristina Saiz

Tres anos despois, as camisetas a raias volveron a invadir as principais rúas e praza de Marín. O San Migheleiro, a celebración máis divertida e gamberra do municipio, regresou con forzas renovadas, deixando ao seu paso un regueiro de risas, diversión e bo ambiente.

Centos persoas non quixeron deixar pasar a oportunidade de participar nunha das festas máis esperadas na vila, antesala das Festas de San Miguel, previstas para a próxima semana.

Ata 42 establecementos integraron este ano os diferentes roteiros que os marinenses foron percorrendo ao longo de toda a xornada.

A ambientación musical correu a cargo das charangas Noroeste e Jalácticos e das batucadas Maracumbé e Axe Baía.

Ademais, os propios locais programaron actuacións que se repartiron en Ezequiel Massoni, a Praza da Constitución e A Roda e, pola tarde, na Alameda, Rúa Real, Concepción Arenal, Méndez Núñez, Doutor Touriño, José del Río, Praza 8 de Marzo, Augusto Miranda e a Rúa do Sol.

Durante este San Migheleiro, todos os locais puideron estar abertos ata unha hora máis do horario habitual.