Marín vístese de gala para honrar ao seu patrón, San Miguel

Marín
01 de outubro 2012

O acto principal foi, un ano máis, a tradicional Danza das Espadas, declarada como evento de Interés Cultural en Galicia desde 2010

Co tradicional grito de "Viva San Miguel", acababa o solemne acto do Padroado de Mareantes de Marín. O salón de Concello marinense puxo as súas mellores galas para celebrar o nomeamento dos novos cofrades, directivos e membros distinguidos por este histórico gremio, como cada ano, coincidindo coa festividade de San Miguel, patrón deste municipio pontevedrés.

"Valentía, lucha, fe y dominio del bien sobre el mal, valores de San Miguel y la divisa de los marinenses, son cualidades que tienen más sentido que nunca en estos tiempos de incertidumbre", afirmou Carlos Martínez Arias, presidente do patronato no discurso que precedeu ao nomeamento dos novos directivos, cofrades de honor e personalidades distinguidas.

No acto deste ano, nomeouse presidente de honor do Padroado dos Mareantes ao director da Escola Naval, Juan Luís Sobrino Pérez-Crespo, e designouse ademais como vocal da directiva a Teresa Rodríguez Davila, en representación do grupo de Danza das Espadas Meigas e Trasgos. Pola súa banda, os cofrades de honor designados foron o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela; o director xeral de contidos de Mediaset España, Manuel Villanueva de Castro; e o empresario do porto de Marín Antonio Alonso Cabaleiro.

Nesta ocasión, os cofrades distinguidos foron Ceferino Nogueira (a título póstumo), o historiador Eligio Rivas Quintás; o presidente da Federación de Comercio, Antonio Reguera Repiso e o representante do grupo Meigas e Trasgos, Antonio Martínez Rodríguez. Recibiu ademais a distinción de Espada de Prata Celso Rosales da Torre e condecorouse coa Espada de Ouro a Teresa Ponce de León Rodríguez, José Manuel Riqueza Lois, Macarena Alias Salvador, Adrián Veiga Pazos e Lina Veiga Pazos.

Trala entrega destas distincións, Marín exhibiu a principal mostra do seu patrimonio cultural inmemorial, a Danza das Espadas, un baile gremial con catro séculos de historia,  declarada en 2010 de interese turístico de Galicia.