Marín trata de evitar un novo mazazo

Marín
16 de febreiro 2013

Máis de 2000 persoas segundo os convocantes participaron na manifestación convocada polos mariñeiros da flota cefalopodeira para esixir solucións aos diferentes gobernos para que poidan faenar de novo en Mauritania. Nas súas consignas coreadas polas rúas marinenses reclamaron un novo acordo pesqueiro da Unión Europea co país africano

Manifestación en apoio á flota cefalopodeira CIG-Mar

Máis de 2000 persoas segundo os convocantes participaron na manifestación convocada polos mariñeiros da flota cefalopodeira para esixir solucións aos diferentes gobernos para que poidan faenar de novo en Mauritania.

Nas súas consignas coreadas polas rúas marinenses reclamaron un novo acordo pesqueiro da Unión Europea co país africano.

Para ter unha imaxe certa da importancia deste problema hai que ter en conta algúns datos: Un total de 24 barcos da provincia faenaban en Mauritania, doce deles teñen base en Marín. Destes, dous buques xa foron desguazados e un máis vendeuse a un país asiático.

Cada barco enrola a 20 mariñeiros, oito deles de orixe mauritana. Cada posto abordo xenera cinco ou seis en terra, máis os ingresos derivados coa merca de víveres, taxas portuarias e demáis. Segundo cálculos do sector cada barco xera dous millóns de euros de movemento económico.

Xabier Aboi, responsable nacional da CIG-Mar, recordou que Europa decide o futuro da flota os próximos 19 e 20 de febreiro. Será na Comisión Mixta que debatirá o acordo.

No entanto, o compromiso da Xunta de realizar unha xuntanza para decidir a estratexia negociadora fica no aire, pois nen sequera foi convocada.

Os afectados agardan esa data con incerteza pola decisión que finalmente se tome. Porén, segundo a CIG-Mar, "seguiremos a pelexar por un acordo xusto e para todos, que garanta o futuro para nós e as xeracións vindeiras".

"Se Rajoy e Feijóo non se comprometen serán responsábeis da ruína do sector", concluiu Aboi na Alameda de Marín.

Arquivado en