Marín tramita tres novas denuncias e a alcaldesa pide colaboración por estar "no peor momento" da pandemia

Marín
20 de marzo 2020

A alcaldesa, María Ramallo, reflexiona nun vídeo dirixido á cidadanía sobre a necesidade de cumprir estritamente co confinamento "a pesar de que sexa difícil a medida que pasan os días"

Mensaxe de María Ramallo á cidadanía de Marín ante as medidas do estado de alarma Concello de Marín

"Non nos podemos relaxar, estamos agora no peor momento e temos que quedar na casa". Con esas verbas e a través dun vídeo a alcaldesa de Marín, María Ramallo, dirixiuse aos seus veciños para pedirlles que cumpran estritamente as medidas de confinamento establecidas polo decreto de estado de alarma ante o avance do coronavirus.

"Sei que despois de varios días, esta medida pode resultar pesada, pero é a mellor maneira que temos de poder axudar a todas aquelas persoas que quererían estar no seu fogar pero non poden porque están axudándonos a todos e todas", defendeu a rexedora.

Precisamente o incumprimento das restricións provocou a tramitación por parte da Policía Local de Marín de tres novas denuncias por ocupación indebida da vía pública durante a mañá deste venres, ao non contar con xustificación para o desprazamento.

Ramallo mostrou ademais o seu agradecemento e recoñecemento á gran maioría de veciños da vila que si están a mostrar compromiso e solidariedade poñendo do seu parte na loita contra o coronavirus.

#MARÍNENCASA

Coincidindo cos días de reclusión na casa, a Policía Local de Marín puxo en marcha a iniciativa #MarínEnCasa, unha actividade de colaboración cidadá a  travñes das redes sociais na que poden participar todos os veciños que o desexen.

A proposta consiste en enviar unha fotografía á dirección policiamarinencasa@gmail.com na que se vexan as diversas formas nas que están a ocupar este tempo. Todos os días a Policía subirá a imaxes á súa páxina de Facebook e a que acumule máis 'me gusta' recibirá un detalle de agradecemento cando se levante o estado de alarma.