Un 3,4% dos casos de violencia de xénero que se rexistraron este ano na provincia producíronse no municipio de Marín. Actualmente súmanse 39 casos activos dos que se ocupa a Policía Nacional, agás nun deles que lle corresponde á Policía Local.
En 24 destes casos, segundo indican desde a concellería de Benestar Social de Marín, non se detecta risco elevado; once presentan un risco baixo; tres, medio; e un presenta un risco extremo.
A franxa de idade na que se acumulan máis casos é a comprendida entre os 31 e os 45 anos, con 21 vítimas. Está seguida pola de 18 a 30 anos, que son as idades entre as que se atopan outras trece mulleres; e pola de 46 a 64 anos, onde se detectaron catro casos. Un expediente atópase entre maiores de 65 anos.
Ao longo deste 2019 rexistráronse once novas vítimas en Marín. A cifra analizouse con preocupación na mesa de traballo contra a violencia de xénero. A concelleira responsable Marián Sanmartín indicou que se seguirán realizando programas de sensibilización e de rexeitamento á violencia machista a través do Centro de Información á Muller (CIM).
Ao encontro nas instalacións municipais da Finca de Briz asistiron, ademais da concelleira; a xefa de Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuel Vilaboy; e representantes da Policía Local e Nacional; do Colexio de Avogados de Pontevedra, do CIM e de Servizos Sociais de Marín.
Outro dos puntos tratados centrouse no deseño da declaración institucional contra a violencia machista que se fará con motivo do 25-N, día internacional contra a violencia de xénero, na que se incluirá a necesidade de ampliar a consideración de vítima por violencia machista, xa que neste momento só se aplica á parella ou á ex parella do agresor, unha decisión adoptada tras o triplo asasinato de Valga.