Marín subirá o IBI e a viñeta e estuda facer o mesmo coa taxa de abastecemento e saneamento

Marín
04 de outubro 2023

Desde o Concello sosteñen que esta medida está ligada á inflación, que incrementou o gasto municipal en máis dun millón de euros para cubrir prestacións básicas como o subministro eléctrico, o servizo de axuda no fogar, o abastecemento ou o saneamento

Vista do casco urbano de Marín Mónica Patxot

O ano 2024 chegará a Marín acompañado dunha suba dos impostos municipais. O goberno municipal incrementará o imposto de bens inmobles, o coñecido como IBI, e o imposto de circulación, é decir, a viñeta. Pero estuda subir tamén a taxa de abastecemento e saneamento.

Desde o Concello sosteñen que esta medida está ligada á inflación, que incrementou o gasto municipal en máis dun millón de euros para cubrir prestacións básicas como o subministro eléctrico, o servizo de axuda no fogar, o abastecemento ou o saneamento. 

Así, ao próximo pleno da corporación, o goberno marinense levará unha proposta para subir un 5,45% o IBI e un 3,45% a viñeta, mantendo iso si as bonificacións existentes.

"A situación económica actual impídenos seguir coa nosa política de conxelación de impostos e taxas, que levamos aplicando dezaseis anos", subliña o edil de Facenda, Manuel Santos.

O Concello asegura que adopta esta decisión para seguir mantendo "servizos de calidade" e, segundo engade Santos, coa obriga de "adaptarnos a un momento así, que está sendo difícil para todos os concellos e administracións".

En ambos casos, "falamos dun pequeno incremento que nos permitirá mellorar a capacidade de recadación", explicou o concelleiro. 

No caso do IBI, ademais de levar conxelado 16 anos, afirma Manuel Santos, ten como referencia os valores catastrais que se aprobaron hai 37 anos, xa que a ponencia que os regula é de 1988, polo que "temos uns importes moi desactualizados en comparación coa realidade actual". 

Con esta suba do 5,45%, Marín prevé aumentar a recadación do IBI ata os 2.878.091 euros anuais. Non se aplicará ata setembro de 2024.

Continuarán ademais as bonificacións do 90% nos proxectos de urbanización, do 50% nas viviendas de protección oficial, do 95% na fincas rústicas das cooperativas agrarias e de explotación comunitaria e do 40% a titulares de familias numerosas.

A suba da popularmente coñecida como viñeta, un 3,45%, fará que os recibos pasen a ter unha cota de 1,45 para os turismos, que serán os únicos aos que se lles subirá. O resto de vehículos manterán o actual coeficiente do 1,4.

Ademais, na normativa vixente ata o momento, bonifícase ao 100% o pago para vehículos históricos e para os que teñen unha antigüidade superior a 25 anos e crearase unha bonificación do 75% durante dous anos paraos  vehículos eléctricos.

No caso da viñeta, a súa suba notarase no peto da veciñanza a partir de marzo de 2024.