O Concello de Marín vén de rematar unha operación de limpeza e desbroce para evitar que a maleza creza en Pedreiras. Ademáis abriu o prazo para solicitar un dos cen composteiros individuais de Sogama que repartirá o Concello en febreiro. O acto de entrega terá lugar o luns, 10 de febreiro, na Casa de Cultura de Seixo, a partir das 19.30 horas.
Por unha banda, os operarios da Fundación Juan XXIII actuaron entre a estrada vella de Marín e o Monte Pituco; no Camiño do Marco, que linda co Concello de Pontevedra, e no Barrio de Arealonga.
A limpeza realizouse en todas as cunetas e escaleiras e demais espazos públicos deste lugar, estando a actuación enmarcada no plan de desbroces anual que ten pechado o Concello coa fundación.
No caso de Pedreiras, apuntan desde o colectivo, é necesario realizar esta actuación entre dúas e tres veces ao ano para evitar que a maleza creza e supoña un problema. De feito, o Concello fai un chamamento ás persoas propietarias de solares sen construción para que os manteñan en correcto estado.
COMPOSTEIROS
A Concellaría de Medio Ambiente, dirixida por Marián Sanmartín, informou este martes de que os composteiros individuais de Sogama chegarán á vila marinense a principio do próximo mes. Concretamente, as unidades repartiranse o luns, 10 de febreiro, ás 19.30 horas, na Casa de Cultura de Seixo.
Aquelas persoas que teñan interese en adquirir un composteiro individual deberán presentar unha solicitude no Concello a partir deste martes. Pódese facer de maneira presencial, nas oficinas de Alcaldía, en horario de mañá, ou escribindo un email a alcaldia@concellodemarin.es.
Será necesario indicar nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto, e haberá que acudir o luns día 10 ao acto de recollida. Un requisito indispensable para poder gozar dun composteiro será estar empadroado no Concello de Marín.
Este é o segundo ano que o Concello reparte, a través de Sogama, estas unidades de compostaxe individual. "Repetimos debido ao enorme éxito que tivo o ano pasado esta iniciativa", asegurou a concelleira.
O modelo da compostaxe está xa instalado na vila para quedarse. Nestes momentos, ademais desta modalidade individual, Concello e Deputación traballan conxuntamente para instalar composteiros comunitarios no Sequelo, na Cañota e en Mogor.