Marín quere de novo a bandeira azul para Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e O Santo

Marín
05 de decembro 2019

Todas elas, segundo apuntou a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, cumpren con todos os requisitos de accesibilidade, sinalización, tratamento de residuos, calidade da auga e dotación de persoal de socorrismo

Bandeira azul para a praia de Loira Xunta de Galicia

O goberno municipal de Marín xa traballa de cara o verán de 2020. E unha das súas primeiras decisións foi presentar un ano máis a candidatura de cinco das súas praias para a bandeira azul. Son os areais de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e O Santo.

Todas elas, segundo apuntou a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, cumpren con todos os requisitos de accesibilidade, sinalización, tratamento de residuos, calidade da auga e dotación de persoal de socorrismo.

Un dos requisitos máis salientables que se require para que unha praia poida ter a bandeira azul é a calidade da auga, recorda Sanmartín, que no caso de todos os areais marinenses que concorren na candidatura está catalogada como excelente.

A concelleira mostrou a súa satisfacción con respecto a Loira, que o pasado ano recuperou esta certificación despois de perdela hai máis de 10 anos.

A aspiración do Concello é a de conseguir de novo todas as bandeiras azuis, despois de que o ano pasado devolveran voluntariamente a do Santo, debido a que non se puido contar co servizo de socorrismo nesta praia ata o día 10 de xullo.

"Decidimos priorizar aquelas que teñen máis afluencia de xente, incluso dotándoas dunha maior cantidade de socorristas para que tiveran unha cobertura acorde ao seu tamaño e á cantidade de usuarios que teñen", explican desde o goberno municipal.

Aínda así, o Concello reitera que todas as praias, teñan ou non certificación da ADEAC, foron consideradas da mesma maneira, polo que non hai diferencia a nivel de salvamento, mantemento e traballos de limpeza.

Ademais das bandeiras azuis, Marín tamén solicitou renovar os certificados de centro azul para o Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor e para o Ateneo Santa Cecilia. Como novidade, este ano presentarán a candidatura do Museo Manuel Torres para que tamén poida contar con esta distinción.