Nun prazo de dous meses, segundo as previsións do goberno municipal, entrará en vigor a zona de estacionamento limitado gratuíto de dúas horas en gran parte do centro de Marín.
Esta medida foi aprobada no pleno da corporación municipal celebrada na tarde deste xoves. Non terá custo algún para a veciñanza pero mellorará a xestión do estacionamento urbano, destacan desde o Concello.
A preparación de todo o pintado e o deseño e a colocación dos sinais serán os próximos pasos desta iniciativa que, ata que sexa operativa, non terá efecto na cidadanía.
Estas zonas de estacionamento limitado estarán en determinados tramos das rúas Avenida de Ourense, Exército e Marina, Ponte, Concepción Arenal, Jaime Janer e Méndez Núñez.
O horario será de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres, aplicándose só de mañá o sábado. De 14.00 a 16.00 horas non estará vixente. Tampouco domingos e festivos.
O método de control que utilizará a Policía Local de cara a garantir o bo cumprimento da ordenanza será a ferramenta Mcam, que leva integrada un programa de recoñecemento de texto con capacidade de xeolocalización.
Deste xeito, faranse lecturas nas rúas que teñan zona azul que se compararán e o propio programa recoñecerá aquelas matrículas que superan o límite das dúas horas máximas permitidas na ordenanza.
O Concello destaca que esta limitación vén acompañada coa creación de dous novos aparcamentos disuasorios, un cerca do CEIP O Carballal e outro na Rúa Jaime Janer, cos que Marín alcanza as 600 prazas neste tipo de estacionamentos.
A este respecto, o goberno local lembra que segue aberto a habilitar novos aparcadoiros disuasorios onde sexa posible, polo que anima aos propietarios de parcelas que queiran poñer a disposición do Concello a que contacten co consistorio.