Marín presenta o cartel do seu Entroido 2021, que muda ao formato online

Marín
05 de febreiro 2021

A concelleira Marián Sanmartín presentaba este venres o cartel do Entroido 2021 de Marín xunto a Luis Vilas, da empresa Tropa de K, quen é o deseñador da imaxe do entroido, e a actriz Mayka Braña, que será o fío condutor dos oito vídeos preparados polo Concello, que comezarán a difundirse cada día a partir do venres de Entroido

A concelleira Marián Sanmartín, o deseñador Luis Vilas e a actriz Mayka Braña Concello de Marín

A concelleira Marián Sanmartín presentaba este venres o cartel do Entroido 2021 de Marín xunto aos marinenses Luis Vilas, da empresa Tropa de K, quen é o deseñador da imaxe do entroido, e a actriz Mayka Braña.

Dada a situación sanitaria, a concelleira anuncia que este entroido terá un formato online, no que a festa tradicional adaptarase ás novas tecnoloxías.

A intérprete Mayka Braña, que acadou moita popularidade pola súa participación na serie da Televisión de Galicia "Libro de familia", será o fío condutor dos oito vídeos preparados polo Concello, que comezarán a difundirse cada día a partir do venres de Entroido e nos que se contará coa participación dos colectivos que fan posible esta festa no municipio. A actriz falará con eles súas tradicións e historias, desde un punto de vista cómico e entretido.

Os vídeos contarán coa participación das comparsas e as batukadas de Os Paparrulos e Os da Caña, o Ateneo Santa Cecilia, a Asociación de Amigos dos Rapaces, a Asociación Ronsel ou a Asociación do Bolo do Pote.

As pezas audiovisuais iranse publicando nas redes sociais e na canle de Youtube do Concello ata o Mércores de Cinza, sumándolle o sábado no que tradicionalmente se celebraba o Entroido de Seixo e o domingo de piñata.

"Cada día, a veciñanza de Marín e calquera interesado no noso Entroido poderá gozar destes vídeos", que se publicarán ao mediodía e que están pensados "para gozar desde a casa, en familia, tratando de sentir o Entroido aínda que teñan que ser dunha forma diferente", manifestaba a concelleira.

A presentación fíxose no Museo Manuel Torres, que está a albergar unha exposición na que as comparsas amosan unha selección dalgúns dos seus traxes máis simbólicos dos anos que levan participando no Gran Desfile. Por motivo das restricións sanitarias houbo que pechala ao público, polo que desde o Concello xa prevén que a mostra se manteña no Museo durante un tempo máis alá do Entroido para que, unha vez estas instalacións volvan abrir, sempre coas medidas sanitarias precisas, a veciñanza da vila poida visitala.