Marín pechou 2022 cun remanente de tesourería de máis de 2,5 millóns de euros

Marín
19 de abril 2023

O concelleiro de Facenda, Manuel Santos, deu conta no último pleno da corporación celebrado no Concello de Marín do peche do orzamento do ano 2022 para trasladar as contas ao Ministerio coa correspondente liquidación

Vista aérea de Marín Concello de Marín

O orzamento de 2022 en Marín ofreceu un balance entre os dereitos recoñecidos netos e as obrigacións de 963.737 euros. O remanente de Tesourería sitúase en máis de 2.505.700 euros, unha cifra que, segundo o goberno local, permite contar con "músculo financeiro de aforro importante".

Manuel Santos, concelleiro de Facenda, informaba destes resultados no último pleno da corporación celebrado no Concello de Marín. Estas cifras do orzamento do pasado ano serán trasladadas ao Ministerio coa correspondente liquidación.

O concelleiro considera positiva a liquidación sinalando que en 2022 producíronse diversas casuísticas como unha suba elevada da inflación con "un incremento dos prezos da electricidade, dos carburantes e das materias primas". Segundo o edil, este aumento supuxo que se elevasen as partidas do orzamento municipal para seguir prestando os servizos básicos.

En todo caso, apuntou que se mantivo un "importante esforzo investidor" grazas ao remanente de Tesourería, as axudas, subvencións e distintos convenios de colaboración establecidos con outras administracións.

Lembrou tamén que na última década non se subiu ningunha taxa nin imposto municipal para evitar "que se vexan afectados os petos da veciñanza", explicou Santos Costa durante a súa intervención plenaria para facer balance das contas municipais, segundo informa o goberno local.