Varios representantes da Asociación Defensora dos Polinizadores de Galicia, Depolgal, e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, reuníronse este mércores para abordar os problemas e necesidades que existen ao redor da presenza da avespa velutina na comunidade.
Actualmente, o colectivo conta con catro grupos de intervención directa na retirada dos niños e que leva case catro anos ofrecendo este servizo de maneira altruísta coa colaboración do Concello no que respecta ao material. No que respecta a iso, o voluntariado conta con varios traxes, tanto de intervención rápida como os completos, e con pértegas de diversos tamaños.
Nese tempo xa se retiraron máis de 1.000 niños, o que supón un traballo "interminable" e, segundo apuntan, é necesario manter no futuro. É por iso que desde a asociación fan un chamamento á cidadanía para fomentar un programa de voluntariado co que se poidan cubrir todos os avisos que chegan e así axudar nas tarefas de retirada de niños e de trampeo.
Para facerse voluntario soamente é necesario poñerse en contacto coa asociación escribindo un correo a depolgal@gmail.com e pasar por un período de formación, impartida polos voluntarios que actualmente están a levar a cabo estas tarefas.
Ademais do voluntariado, lembran que se pode axudar chamando ao 012 para dar aviso cando alguén vexa un niño e, por outra, realizar labores de trampeo, evitando así a proliferación da avespa velutina.
No que vai de ano, a Depogal retirou máis de 230 niños e atendeu 360 avisos. "Tratamos de ir ao día seguinte ou, como moi tarde, na mesma semana", aseguran, pero, ao ser ser un servizo gratuíto e voluntario, necesítanse máis mans para poder atender mellor as situacións das que lle avisa o 012.
É por iso, que desde a asociación realizan esta campaña de voluntariado que "é fundamental nesta época" porque é cando as raíñas saen a aparearse e alimentarse para despois comezar coa hibernación, fase que durará ata primavera, segundo momento do ano máis importante para colocar as trampas.