Marín modifica o cobro de tributos municipais para axudar nesta crise

Marín
18 de marzo 2020

Unha resolución de Alcaldía deixa sen efecto e con cobro suspendido o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, a ocupación da vía pública con reservas para aparcadoiro exclusivo, as taxas por auga, lixo e sumidoiro; a ocupación de vía pública con quioscos, venta ambulante, mesas e cadeiras; o servizo de mercado e o pago da escola de música

Vistas de Marín Diego Torrado

O estado de alarma vixente no noso país por mor da crise sanitaria do Covid19 tamén contempla unha serie de medidas en materia tributaria e de recadación que este mércores foron estudadas pola alcaldesa, María Ramallo, e o departamento de Tesourería do Concello de Marín.

Desta maneira, publicarase no BOP, nun periódico escrito e na páxina web oficial do Concello a resolución de Alcaldía na que se recollan, a nivel local, todas aquelas cuestións relativas aos cobros de tributos municipais e á xestión da recadación, información moi valiosa e necesaria para poñer en coñecemento da veciñanza.

Esta resolución adoptará tres puntos fundamentais. Por unha banda, quedarán sen efecto desde o 6 de abril (data de remate do período voluntario de pago), o imposto sobre vehículos de tracción mecánica e a taxa por ocupación da vía pública con reservas para aparcadoiro exclusivo, en ambos casos do ano 2020.

En segundo lugar, estará suspendido o cobro da taxa pola prestación dos servizos de subministro de auga, recollida de lixo e sumidoiro do primeiro trimestre do ano 2020. Igualmente sucede coa taxa por ocupación de vía pública con quioscos, venta ambulante, mesas e cadeiras, correspondente á segunda fracción de pago do ano 2020. E tamén co prezo público por escola de música, correspondente ao terceiro trimestre, así coma a taxa por servizo de mercado.

Unha nova resolución de Alcaldía será a que determine, unha vez perda vixencia o estado de alarma, cal será a nova data máxima para realizar voluntariamente estes pagos. Chegado ese momento, valorarase tamén a conveniencia de adaptar o resto das datas que estaban establecidas no calendario fiscal previsto para este ano.

Durante a vixencia do estado de alarma, non se iniciará o período voluntario de pago de ningunha liquidación e non se iniciarán procedementos de recadación en vía executiva.