Marín habilitará un novo acceso peonil ao cemiterio da Raña

Marín
16 de xaneiro 2020

Esta actuación, moi demandada polos veciños, creará un acceso novo ao camposanto para evitar que aqueles que veñan de zonas como A Cañota, A Laxe ou Inferniño teñan que atravesar un viario estreito e sen beirarrúas e que ademais ten dobre sentido de circulación

Cemiterio da Raña, Marín Concello de Marín

O cemiterio municipal da Raña contará cun novo acceso peonil para mellorar a mobilidade. Trátase, segundo o Concello, dunha entrada que estará no extremo norte do muro do peche que rodea as instalacións.

Esta zona linda cun camiño sen nome que parte da Rúa Inferniño e que bordea o lugar polo leste en sentido Recamán.

Esta actuación, moi demandada polos veciños, creará un acceso novo ao camposanto para evitar que aqueles que veñan de zonas como A Cañota, A Laxe ou Inferniño teñan que atravesar un viario estreito e sen beirarrúas e que ademais ten dobre sentido de circulación. 

Xunto coa senda peonil crearase unha escaleira que salve o desnivel entre o camiño exterior e a rasante do interior do cemiterio.

Estas obras terán un custe global de 40.801,07 euros, que serán solicitados á Deputación de Pontevedra aproveitando baixas doutras partidas do Plan Concellos 2018-2019.