As nubes ameazaban a xornada pero ao contrario do acontecido o sábado, cando o desfile infantil se trasladou pola chuvia ao pavillón da Cañota e Pontevedra tivo que suspender a súa programación, esta vez non caeu auga e os marinenses puideron gozar dunha divertida xornada de entroido.
A xornada comezou cunha ciclomarcha ata Seixo e un pregón que serviu de preludio para o colorido desfile da tarde.
A Praza do Regueiro comezou a encherse de disfraces e comparsas ata que ás 17:00 horas partiu a caravana multicolor para percorrer a Avenida de Ourense, Praza de España, Almuíña, Jaime Janer, Concepción Areal e rematar no Parque Eguren.
Multitude de veciños botáronse á rúa para acompañar os protagonistas no percorrido.
En canto aos premios Amoriños de Bora foi elixida como mellor comparsa, seguida de Flores do Carnaval, Os do Val do Lérez, Marcha Loca e Os do Pinsel. En grupos o gañador foi 'Arde Troya' seguido de 'Saloon', '102 Dálmatas', 'Trofeos Baixo Presión', 'Por fin as cigüeñas en Marín' e 'As Olimpíadas en Marín'.
Por último en parellas impúxose 'Churras Churras' por diante de 'Dama antigua y pretendiente' e 'Hermanos da Nicolasa', mentres en categoría individual o gañador foi 'El reino del corcho', con 'Quimera' en segundo lugar e 'Endulzo a vida' no terceiro.
O entroido de Marín continúa este luns coa Festa do Merengue ás 12:00 horas na Lameiriña e a Festa Infantil a partir das 16:45 horas.