Marín estudará "en profundidade" adherirse á plataforma para controlar o acceso ás praias

Marín
19 de maio 2020

Xa hai unhas semanas, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, adiantou que este será un verán "diferente" e que será necesario "reestruturar os nosos servizos". E unha das decisións que haberá que adoptar estará relacionada coas praias do municipio

Praia de Loira, Marín Mónica Patxot

Xa hai unhas semanas, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, adiantou que este será un verán "diferente" e que será necesario "reestruturar os nosos servizos". E unha das decisións que haberá que adoptar estará relacionada coas praias do municipio.

O Concello adiantou este martes que analizará "en profundidade" a posibilidade de adherirse á nova ferramenta de control do aforo anunciada pola Xunta de Galicia.

"O máis importante é que sexamos o máis claros posibles dando información á nosa veciñanza, garantindo que poderán gozar dos nosos espazos naturais máis singulares", afirma a alcaldesa.

Considera tamén imprescindible que haxa unidade de acción en todos os territorios e que os concellos poidan ter un protocolo de actuación elaborado pola administración competente neste eido, neste caso a Dirección Xeral de Costas, dependente do Goberno do Estado.

María Ramallo entende que será importante ter un control de afluencia para saber como está o aforo das praias, pero apunta a que haberá que analizar caso por caso cada areal "porque cada un ten unhas características concretas" en materia de acceso ou características.

Mentres tanto, o goberno local seguirá traballando na posta a punto de todos os areais, que contarán con servizos como balizamento, aseos, vestiarios ou socorristas.