Captar os novos fondos que a Unión Europea porá a disposición dos concellos para o período 2021-2027. Ese é o obxectivo co que o goberno municipal de Marín impulsará a elaboración dunha Axenda Urbana Local que permita contar con proxectos "sólidos e definidos".
O Concello avanzou que contratará a redacción dun plan estratéxico de acción local que permitirá, segundo a alcaldesa, María Ramallo, "definir ben como canalizar estes novos fondos europeos", continuidade dos que se están a executar nestes momentos.
Este plan deberá ir en base aos obxectivos estratéxicos da UE, que definen as áreas de maior importancia de cara o futuro: territorio e paisaxe, modelo e cidade, cambio climático, xestión eficiente dos recursos, mobilidade e transporte, igualdade de oportunidades, economía urbana, vivenda, era dixital e instrumentos de intervención e gobernanza.
Para a súa elaboración, Marín articulará canles de participación cidadá como se fixo tamén co plan de mobilidade urbana sostible.
A alcaldesa lembra aos cidadáns que a enquisa de participación para este plan de mobilidade continúa aberta a través da web municipal, para responder, de xeito anónimo, a unha serie de cuestións relativas aos comportamentos e hábitos de mobilidade.