Marín e Bueu fan un chamamento á concienciación da cidadanía contra o machismo

Marín
24 de novembro 2020

Este mércores conmemórase o Día Internacional da Loita Contra a Violencia Machista e Marín e Bueu contarán cunha programación de actos adaptada á situación sanitaria, que impide que, como todos os anos, se poida facer un acto institucional multitudinario

Entrega de máscaras co lema "O machismo mata" Concello de Bueu

Este mércores conmemórase o Día Internacional da Loita Contra a Violencia Machista e Marín e Bueu contarán cunha programación de actos adaptada á situación sanitaria, que impide que, como todos os anos, se poida facer un acto institucional multitudinario.

No Concello de Marín, este mércores a primeira hora da mañá, a alcaldesa, María Ramallo, dirixirase á cidadanía a través das redes sociais do Concello, cun vídeo no que rescatará parte da declaración institucional aprobada en sesión plenaria.

Por outra banda, Ramallo referirase na súa mensaxe virtual aos grupos de traballo que resultaron merecentes do Premio Lazo Violeta 2020, que son aqueles que interveñen cando se produce un caso de violencia machista na vila: a Unidade de Atención á Familia e á Muller da Policía de Marín (UFAM), o Punto de Atención Continuada (PAC) e a Unidade de Traballo Social de Atención Primaria, a quenda especial de violencia de xénero do Colexio Oficial de Avogacía de Pontevedra, o Xulgado de Garda, o Centro de Recuperación Integral da Muller, a Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Igualdade en Galicia.

A partir das 11.00 horas e até as 13.00, a Alameda acollerá unha intervención artística de teatro espontáneo no que se poderá ver o banco da igualdade que logo quedará radicado en Briz. A través da arte, o Concello tratará de visibilizar e de concienciar sobre a lacra machista e as súas consecuencias nas mulleres que son vítimas.

Ás 12.00 horas, na Casa Consistorial haberá un minuto de silencio no que participarán os representantes do Consello Municipal da Muller, da Mesa Contra a Violencia de Xénero e da Corporación Municipal.

Finalmente, o CIM estreará a súa web, que supón un importante paso na súa dixitalización e no seu incansable traballo de formación e divulgación en igualdade. Nela poderán atoparse recursos a utilizar por toda a cidadanía.

CONCELLO DE BUEU

No Concello de Bueu, este martes, Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, acudiu aos seis colexios e institutos da vila bueuesa para repartir máscaras que se realizaron con motivo desta efeméride co lema de "O machismo mata", e que se dirixen ao alumnado e ao profesorado. Tamén se entregaron exemplares do libro "O abecedario na maleta", unha biografía de Matilde Bares adaptada á cativada cos textos de Polo Correo do Vento e as ilustracións de Tania Solla.

Otero aproveitou as visitas para coñecer tamén os proxectos nos que están traballando nos centros educativos con motivo desta data, entre os que están a elaboración de vídeos ou podcasts.

Así mesmo, este mércores, está programada unha concentración silenciosa na memoria das mulleres asasinadas polas violencias machistas, que terá lugar ás 12.00 horas diante da Casa Consistorial, e na que participará a corporación municipal.

Outra das iniciativas é a publicación nas redes sociais do Concello dun vídeo de lecturas contra o machismo, no que se recollen poemas e fragmentos de obras literarias que falan da violencia e da necesidade do feminismo na voz dos concelleiros da corporación.

A estes actos sumouse a campaña da Xunta de Galicia no marco do programa #AgresionOff 2020 da semana pasada, e a declaración institucional que aprobou a corporación no pleno ordinario do mes de outubro.