Marín denunciará o próximo 25-N que "a pandemia e as súas consecuencias afecta máis ás mulleres"

Marín
05 de outubro 2020

O Consello Municipal da Muller de Marín mantivo unha reunión este luns e decidiu xa comezar a preparar as accións para o 25-N. Entre outros acordos, decidiron que a declaración institucional deste ano fará fincapé na situación na que se atopan as mulleres prostituídas e as que son vítimas da trata 

Reunión do Consello Municipal da Muller de Marín Concello de Marín

Marín non renuncia a conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia sobre a Muller, a pesar das limitacións derivadas da pandemia da covid-19 e acaba de decidir, que, ademais, na súa edición deste ano centraranse en denunciar a forma en que a alerta sanitaria afecta ás mulleres.

O Consello Municipal da Muller de Marín mantivo unha reunión este luns e decidiu xa comezar a preparar as accións para o 25-N. Entre outros acordos, decidiron que a declaración institucional deste ano tratará de evidenciar como "a pandemia e as súas consecuencias afecta máis ás mulleres". 

Ademais, o Consello Municipal da Muller fará fincapé na situación na que se atopan as mulleres prostituídas e as que son vítimas da trata, pois, como colectivos vulnerables, están aínda máis afectadas pola situación que se está a vivir na actualidade. 

A declaración institucional abordará tamén as medidas de conciliación familiar e laboral, que afectan especialmente ás mulleres e, dadas as limitacións da pandemia, faranse accións menos visibles e especial traballo cos centros educativos. 

Segundo anunciou o Concello, intensificaranse as accións de divulgación e concienciación a través dos medios telemáticos, especialmente as redes sociais. 

O Consello Municipal da Muller acordou manter a entrega dos Premios Lazo Violeta, outorgados a aquelas persoas ou institucións que traballan en prol da igualdade e especialmente contra a violencia de xénero. Durante o Consello, avaliáronse varias candidaturas e chegouse ao acordo de que se artellará unha proposta que englobe a toda a cadea de servizos esencias que traballan na loita contra a violencia de xénero e que foron especialmente imprescindibles durante a época do confinamento.

A concelleira de Igualdade e Benestar Social de Marín, Marián Sanmartín, presidiu a reunión, na que tamén participaron a concelleira Mónica Viqueira, o persoal técnico do departamento de Servizos Sociais do Concello, o CIM de Marín e representantes das asociacións de mulleres ou con vogalía de muller e dos sindicatos e representantes dos partidos políticos da Corporación municipal.