Marín dá a benvida aos novos alumnos da Escola Naval

Marín
26 de agosto 2022

Os futuros oficiais e enxeñeiros da Armada xa chegaron a Marín. En setembro, un total de 119 alumnos e alumnas iniciarán a súa formación na Escola Naval Militar e, antes dese momento, o Concello decidiu organizar unha recepción oficial

Recepción oficial aos novos alumnos da Escuela Naval

Os futuros oficiais e enxeñeiros da Armada xa chegaron a Marín. En setembro, un total de 119 alumnos e alumnas iniciarán a súa formación na Escola Naval Militar e, antes dese momento, o Concello decidiu organizar unha recepción oficial.

Todos eles, segundo recordou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, pasarán os próximos anos na vila que, con este acto, deulles a benvida ao municipio.

A alcaldesa quixo trasladarlles "todo o noso acollemento, porque agora pasaredes a formar parte do noso día a día como vila", despois de facer un gran esforzo para chegar ata aquí porque, para acceder á Escola Naval, tiveron que superar unha nota de corte de 12.

"Estes días son moi intensos, de moitos cambios e de poder poñer ese primeiro pé nese soño profesional que tendes", subliñou Ramallo, que destacou os lazos que hai entre Marín e a Escola Naval tras case oitenta anos de arraigamento.

Ademais, a rexedora quixo destacar que esta promoción que chega a Marín este ano é a máis numerosa no que respecta á presenza feminina. "Sodes un absoluto referente para outras mulleres que se queiran dedicar a esta profesión", díxolle a todas elas.