Marín crece ata os 24.197 habitantes, segundo o INE

Marín
15 de decembro 2023

O Instituto Nacional de Estatística certificou ademais que, cos datos rexistrados ao 1 de xaneiro de 2023, Vilagarcía de Arousa pasa a ser o noveno municipio con maior poboación de Galicia ao ser adiantado por Oleiros

Xente paseando polo paseo das praias en Marín Cristina Saiz

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de confirmar os datos de empadroamento municipal dos concellos galegos, deixando un resultado esperanzador no Concello de Marín.

A vila marinense rexistraba ao 1 de xaneiro de 2023, con 24.197 habitantes.

Este dato supón un incremento de 163 habitantes con respecto a 2022, o que para a alcaldesa María Ramallo "é un bo dato, pero sabemos cal é a tendencia demográfica tanto de Marín, como de Galicia e de toda España. Temos un problema coa natalidade que debemos atallar", afirma.

De feito para referirse a esa tendencia xeneralizada Ramallo cita os datos que nacementos que o INE refería en Marín en 2011, con 220 nenos, mentres que en 2022 só naceron 144.

Entre as cifras destacadas no informe do Instituto Nacional de Estatística destaca ademais que Vilagarcía de Arousa pasa a ser o noveno municipio con maior poboación de Galicia, tras ser adiantado por Oleiros.