Marín chora na despedida á súa sardiña, antesala á fin do Entroido

Marín
23 de febreiro 2023

O Entroido vai tocando á súa fin e veñen os choros e os lamentos. Aínda que no caso de Marín con razón. E é que a vila perdeu, como cada ano por estas datas, a unha veciña ilustre. O Enterro da Sardiña, un dos de maior arraigamento de Galicia, tinguiu de loito as súas rúas

Enterro da Sardiña en Marín Julio Santos

O Entroido vai tocando á súa fin e veñen os choros e os lamentos. Aínda que no caso de Marín con razón. E é que a vila perdeu, como cada ano por estas datas, a unha veciña ilustre. O Enterro da Sardiña, un dos de maior arraigamento de Galicia, tinguiu de loito as súas rúas.  

Viúvas, choradeiras, veciños e autoridades civís, políticas e militares acompañaron os restos mortais da sardiña no seu derradeiro paseo polas rúas de Marín, que acolleron unha marcha fúnebre e un velorio, este último no palco da Alameda, no que participaron centos de persoas.

Non faltaron o coche fúnebre, a esquela que anunciaba a súa morte e o libro de condolencias para que a veciñanza puidera expresar o seu lamento pola perda da popular sardiña.

Iso si, este ano con anécdota incluída. Cando os portadores da sardiña procedían a baixala do palco no que fora velada, esta caeu ao chan entre a sorpresa dos presentes. Non tardaron moito é rescatala e retomar o desfile sen problemas

Como marca a tradición desta festa, organizada cada ano polo Ateneo Santa Cecilia en colaboración co Concello de Marín, tras o velorio pronunciouse a homilía de despedida, paso previo para que a finada acabara regresando ao mar.

Marín despediuse desde o paseo marítimo dunha personaxe que regresará á vila o próximo ano. Quizais, se os trámites frutifican antes do próximo Entroido, xa como protagonista dun enterro convertido en festa de interese turístico.

Pero co Enterro da Sardiña non remata o Entroido en Marín.

Aínda quedan, entre outras, dúas grandes citas. Seixo acollerá este sábado 25, a partir as cinco da tarde, o seu desfile de Entroido; e o domingo 26, ás 12:00 horas, os marinenses poderán degustar o bolo do pote, que servirá Pousos de Area na Alameda.