Marín celebrará o Día contra a Violencia de Xénero nos centros escolares

Marín
21 de outubro 2019

A reunión do Consello Municipal da Muller do Concello de Marín serviu para pechar os actos do 25- N, que incluirán diversas actividades para alumnos e alumnas, así como unha declaración institucional de toda a corporación

Reunión do Consello Municipal da Muller do Concello de Marín Concello de Marín

O Consello Municipal da Muller do Concello de Marín reuniuse este luns no salón de plenos para planificar os actos de celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que terá lugar o próximo 25 de novembro.

O acto, presidido pola concelleira Marián Sanmartín e no que participaron representantes de diversas asociacións de mulleres e partidos políticos, serviu para pechar a programación desta xornada que estará centrada principalmente nos centros escolares.

Por unha banda, os cursos de Infantil e Primaria recibirán a visita da caravana morada, un punto de sensibilización, atención e protección ás mulleres. Para os de Secundaria, organizarase un tema de grafitis, coa intención de traballar a perspectiva de xénero a través da expresión artística.

Doutra banda, no salón de plenos da casa consitorial marinense terá lugar o día 25 ás 13 horas a lectura dunha declaración institucional que terminou de redactarse esta mesma mañá.

Así mesmo, o salón de actos do IES Illa de Tambo acollerá ás 20 horas unha actuación de teatro e o día 21 a partir das 11 horas repartiranse no mercadillo de Marín uns lazos violetas, o símbolo da loita contra a violencia machista.

A reunión do Consello serviu tamén para perfilar actividades para o novo curso, na que se incluirán campañas centradas na sexología e nas enfermidades de transmisión sexual.