Marín buscará a inserción de 100 mulleres desempregadas a través dun Programa Integrado de Emprego

Marín
04 de outubro 2024

As potenciais beneficiarias deberán estar dadas de alta como demandantes de emprego no SEPE, onde se poderá pedir máis información sobre o programa, que está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Oficina de emprego Mónica Patxot

O Programa Integrado de Emprego de Marín 24/25 terá como beneficiarias un total de 100 mulleres desempregadas.

Trátase dun programa que recibiu unha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración por valor de 176.000 euros, que se completarán con 44.000 euros achegados polo Concello de Marín.

O programa desenvolverase ata o 30 de setembro de 2025 e comezará coa selección de mulleres desempregadas rexistradas como demandantes de emprego nos Servizos Públicos de Emprego, que será o encargado de remitir ás posibles candidatas.

A finalidade última do Programa Integrado de Emprego do Concello de Marín 2024/25 é a de posibilitar a integración laboral de mulleres demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral.

Cada participante terá o seu itinerario persoalizado de inserción segundo a súa formación, experiencia profesional, inquietudes, aptitudes e os seus propios obxectivos profesionais.