Marín aumenta a dúas horas o tempo máximo na próxima zona de estacionamento horario limitado

Marín
04 de setembro 2020

 "A situación que estamos a vivir actualmente pola crise sanitaria da Covid19 ampliou moito os tempos de espera nos comercios e noutros establecementos, polo que entendemos que é lóxico dar algo máis de marxe ao estacionamento", asegurou o concelleiro de Tráfico, Francisco Estévez

Estacionamiento Plaza de España, Marín PontevedraViva

O goberno local de Marín leva varios meses traballando no estacionamento na zona municipal e a necesidade de repensar o uso do espazo público. Deste xeito, a necesidade de reorganizar chan dispoñible para o parque automobilístico vén motivada polo escaso movemento dos vehículos que estacionan no casco urbano, polo que non sempre é sinxelo atopar un sitio para aparcar.

Nesa liña, a Concellaría de Tráfico impulsou a posta en marcha dunha ordenanza coa que regular a creación dunha zona de estacionamento horario limitado, que foi aprobada inicialmente esta semana na comisión informativa da área e que será levada ao próximo pleno para a súa aprobación definitiva.

Despois de pasar por un período de exposición pública e de expoñer o contido da mesma aos demais grupos da corporación, finalmente aprobouse ampliar o horario máximo no que se poderá estar estacionado nestas zonas, que será de dúas horas.

"A situación que estamos a vivir actualmente pola crise sanitaria da Covid19 ampliou moito os tempos de espera nos comercios e noutros establecementos, polo que entendemos que é lóxico dar algo máis de marxe ao estacionamento", asegurou o concelleiro de Tráfico, Francisco Estévez.

"O noso obxectivo é poder garantir a rotación dos aparcamentos, facendo unha distribución equitativa entre todas as persoas, de xeito que exista fluidez no tráfico e no tránsito peonil", engadiu o edil.

A rotación dos aparcadoiros é unha importante demanda dos sectores comerciais, xa que melloran as posibilidades de movemento da cidadanía para facer compras no casco urbano, tendo alternativa de estacionamento relativamente cerca dos establecementos comerciais.

Entre as rúas que propón o Concello para a zona de estacionamento de horario limitado está a Avenida de Ourense, no tramo comprendido entre o paso de peóns que hai fronte ao parque infantil do Museo Torres ata Praza de España, o tramo comprendido entre o paso de peóns do parque infantil ata a Rúa da Estrada e o tramo comprendido entre o número 90 e o 96. 

En Concepción Arenal, a zona abarcará dende o cruce coa Rúa Jaime Janer ata o cruce coa Rúa da Roda e o tramo comprendido entre a EII O Grupo e o cruce con Méndez Núñez; en Jaime Janer irá dende o cruce con Concepción Arenal ata a intersección coa Rúa Busto de Abaixo; en Ezequiel Massoni será dende o seu cruce con Concepción Arenal ata o cruce coa Rúa Busto de Abaixo.

Tamén haberá horario limitado dende a zona do peirao de carga do Mercado de Abastos até o monoliño da Liberación e, por último, na Rúa da Ponte dende a zona de carga e descarga fronte á fonte até o cruce coa Rúa do Sol.

Os horarios propostos para a 'zona azul' son das 8:00 ata as 20:00 horas de luns a venres, se ben se reducirá de 8:00 a 14:00 os sábados. Os domingos e festivos non haberá limitación horaria, igual que os sábados pola tarde. Tamén estará paralizada todos os días de 14:00 horas a 16:00 horas.

Para garantir o bo cumplimento da ordenanza, a Policía Local realizará un seguimento coa ferramenta Mcam, que leva integrada un programa de recoñecemento de texto con capacidade de xeolocalización. Deste xeito, faranse lecturas nas rúas que teñan zona azul que se compararán, e o propio programa recoñecerá aquelas matrículas que sobrepasen o límite das dúas horas máximas permitidas.

Por último, o Concello lembra, ademais, que nos últimos anos habilitáronse case 600 novas prazas de aparcamento en todo o casco urbano grazas aos aparcadoiros disuasorios situados na zona portuaria (343 prazas), en  Ponte Zapal  (50 prazas), na zona do centro de saúde (45), na zona do pavillón de A Raña (100), na rúa Inferniño (60), en Concepción Arenal, á altura da gasolineira  (100), na parroquia de Seixo ou na rúa Otero Ulloa (25).

Ademais habilitáronse prazas de aparcamento en outros lugares coma República Arxentina ou en Cantodarea, preto da igrexa.