Marín adxudica á empresa Idades a xestión do Servizo de Axuda no Fogar

Marín
06 de novembro 2024

O contrato, de dous anos de duración con outros dous de prórroga, recolle unha previsión anual de 70.500 horas de servizo ao ano

Servizo de axuda no fogar
Servizo de axuda no fogar Foto creada por rawpixel.com - www.freepik.es

A Mesa de Contratación do Concello de Marín escolleu a opción mellor valorada para a xestión do Serzo de Axuda no Fogar (SAF).

Será a empresa Idades a que xestione este servizo durante os dous próximos anos, cun contrato que establece a posibilidade de prórroga por dous anos máis.

Trátase dunha prestación básica xestionada polo departamento municipal de Servizos Sociais que presta axuda a familias con persoas dependentes ao seu cargo.

Ao proceso de licitación pública presentáronse oito empresas, informa o Concello de Marín.

Escollida a opción con maior puntuación, será agora o pleno da corporación o que aprobe a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar, previsiblemente o vindeiro xoves 14 de novembro.

O contrato aprobado recolle unha previsión anual de 70.500 horas de servizo ao ano, das cales a gran maioría destinaranse ás persoas cun grao de dependencia xa recoñecido e unha pequena parte ao que se coñece como o SAF Básico, que se aplica en casos de urxencia nos que a dependencia aínda está sen recoñecer pero é imprescindible contar co recurso.

Na actualidade, Marín conta con 91 persoas usuarias en dependencia.

O custo do SAF é compartido entre o Concello (preto do 30%), Xunta de Galicia (50%) e as familias usuarias.