Marín actualiza o seu arquivo municipal coa dixitalización da súa información

Marín
19 de setembro 2019

Ata 215.000 imaxes correspondentes a máis de 650 volumes documentais. É a inxente cantidade de información que o Concello de Marín dixitalizará para actualizar o seu arquivo municipal e optimizar os seus recursos

Edificio do Concello de Marín Daniel Santomé

Ata 215.000 imaxes correspondentes a máis de 650 volumes documentais. É a inxente cantidade de información que o Concello de Marín dixitalizará para actualizar o seu arquivo municipal e optimizar os seus recursos.

O proxecto, que realizará a empresa Xercode Media Software, acometerase ao abeiro dunha subvención da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e afectará sobre todo a documentos administrativos.

As imaxes que se van a xerar correspóndense coas fontes documentais, bibliográficas, gráficas e cartográficas pertencentes ao Concello de Marín, segundo indica o prego do proxecto. 

Ademais, tamén se incluirá a dixitalización de fontes que sexan da propiedade doutras institucións públicas e privadas que posúan algún tipo de rexistro de interese para os marinenses.

Así, pasarán a formato dixital 229 volumes correspondentes a libros de actas de entre o 1808 e o 1989, 230 volumes correspondentes a libros de resolucións de Alcaldía de entre o 1949 e o 2017 ou 84 volumes de libros do padrón municipal de entre o 1925 e o 1981.

O cambio tamén afecta a 46 volumes compostos por documentos de amillaramento, rústica e industrial de entre o 1879 e o 1970, a 30 volumes compostos por documentos de beneficencia, ultramarinos e lonxa de entre o 1925 e o 1988 e a 33 volumes de actas de Xuntas de Goberno local de entre o 1989 e o 2017

O orzamento total do proxecto é de 38.000 euros, IVE incluído, e o prazo de execución dos traballos é de seis semanas.