Marín acollerá unha lanzadeira de emprego para 20 persoas

Marín
06 de febreiro 2019

Comezará a funcionar en marzo e servirá para apoiar e orientar a 20 persoas desempregadas a activar as súas buscas de traballo con novas técnicas e ferramentas, acordes ás novas necesidades do mercado laboral

Marín Diego Torrado

A Fundación Santa María a Real, a Fundación Telefónica e a Consellería de Economía, Emprego e Industria renovan a súa colaboración para poñer en marcha unha lanzadeira de emprego en Marín.

Comezará a funcionar en marzo e servirá para apoiar e orientar a 20 persoas desempregadas a activar as súas buscas de traballo con novas técnicas e ferramentas, acordes ás novas necesidades do mercado laboral 

A iniciativa é gratuíta. Poden participar persoas de entre 18 e 60 anos que se atopen en desemprego. Poden ter calquera nivel de estudos e proceder de calquera sector laboral.

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa, que conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Poises, dispoñen ata o 6 de marzo para presentar a súa inscrición na web de Lanzadeiras e na oficinas de emprego da rúa Eduardo Pondal en Pontevedra.

As 20 persoas que resulten seleccionadas reuniranse varios días á semana nun local cedido de balde polo Concello de Marín.

Coa guía e orientación dun técnico especializado levarán a cabo diversas actividades para optimizar a súa procura de traballo: talleres de autocoñecemento e intelixencia emocional para aprender a facer un plan de procura de traballo e enfocar o seu obxectivo; actualización e modernización de currículos; simulacións de entrevistas de traballo e procesos de selección grupal.

Ademais, aprenderán novas técnicas de comunicación, márketing e marca persoal; elaborarán un mapa de empregabilidade, realizarán visitas a empresas e organizarán encontros con reclutadores e expertos para lograr a súa inserción laboral.