Maridaxe entre artesanía e gastronomía no restaurante Culler de Pau

O Salnés
09 de xuño 2016

A iniciativa nace para incorporar o liño á cociña e tamén aos elementos que a rodean como son os uniformes e mandilóns, coa realización de diferentes pezas téxtiles nas que se fusionan artesanía e moda

Culler de Pau Xunta de Galicia

O restaurante Culler de Pau presentou o proxecto do cociñeiro Javier Olleros "O meu mundo nun pano" xunto coa artesá téxtil Inés Rir e a deseñadora Rosalía Castro, no que colabora Artesanía de Galicia.

A iniciativa nace para incorporar o liño á cociña e tamén aos elementos que a rodean como son os uniformes e mandilóns, coa realización de diferentes pezas téxtiles nas que se fusionan artesanía e moda.

Inspirados na tradición galega de transportar a comida ao campo cando se realizaban as faenas, agora o propio tecido adquire unha nova dimensión e pasa a ser un recipiente que contén a comida. Estas pezas van conter pan, queixo, e outros produtos que o cociñeiro Javier Olleros realizará para que poidan ser transportados da cociña aos comensais.

Empregando materiais naturais como o liño ou a rafia, tanto o deseño como a  súa produción foron meticulosamente elaborados e personalizados sempre respectando a estética e filosofía do restaurante.

Esta nova experiencia enmárcase na iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria "Artesanía no prato", que busca sinerxías entre a cociña de vangarda e o sector artesán galego. Dentro deste proxecto iniciado no ano 2013 véñense realizando diferentes colaboracións entre artesáns e cociñeiros, na liña do Plan de Artesanía de Galicia de impulso á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo.