María Ramallo visita a cimentación do futuro Auditorio

Marín
31 de marzo 2023

O goberno local de Marín afirma que as obras avanzan "a bo ritmo, de xeito serio e rigoroso" a través da instalación do sistema de pilotes e micropilotes

Visita de María Ramallo ás obras de cimentación do futuro Auditorio de Marín Concello de Marín

Representantes do goberno local de Marín visitaban este venres as obras do futuro Centro Socio Cultural da vila. 

María Ramallo, a alcaldesa, acompañada por Manuel Santos, concelleiro de Urbanismo penetráronse na parcela para comprobar os traballos que se desenvolven na que consideran a infraestructura de dinamización "máis importante" de Marín e que forma parte da estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

Responsables da empresa executora da obra, Oreco Balgón, explicaron o calendario de traballo e o momento en que se atopan antes de Semana Santa e cales serán os próximos pasos a dar.

Avánzase na cimentación do edificio, a través dun sistema de pilotes e micropilotes. María Ramallo afirma que as obras se desenvolven "a bo ritmo, de xeito serio e rigoroso". A incorporación dos micropilotes ao proxecto foi necesaria para evitar futuros problemas na estrutura. Estas perforacións especiais garanten a boa cimentación nestes terreos gañados ao mar.

Este Auditorio "abrirá a oportunidade a Marín de albergar eventos culturais e sociais de maior envergadura", segundo manifestou a alcaldesa.