A alcaldesa de Marín, María Ramallo, convocou este martes aos medios de comunicación nun encontro distendido coa intención de facer un repaso a este ano que está a piques de acabar. Pero máis que ao balance do xa feito, a rexedora fixou os retos que ten pendentes o seu equipo de goberno antes de completar o mandato.
Así, para o 2022 quedan importantes proxectos como a conversión do Liceo Casino nun centro de lecer, a construción do Auditorio ou a piscina de auga salgada á entrada do paseo marítimo Alcalde Blanco.
Pero a alcaldesa non se para aí "tenemos deberes en cuanto al aparcamiento, tenemos deberes en analizar algunas cuestiones pendientes de ejecutar, tenemos que seguir siendo capaces desde los ayuntamientos de gestionar fondos europeos", enumera María Ramallo entre os asuntos que forman parte dunha longa lista na que tamén se propón traballar para solucionar a falta de vivenda, arranxar as barriadas ou mellorar as infraestruturas urbanas.
O equipo de Goberno tamén se propuxo converter a Marín nun referente turístico e para iso impulsarán o atractivo do vial de praias.
Moitos destes proxectos xa están encamiñados, como a transformación do local do antigo Liceo Casino nun centro sociocultural para a mocidade que este mércores aprobará o proxecto na xunta de goberno local. Tamén o Auditorio, cuxas obras esperan que empecen antes do verán do mesmo xeito que a construción do colector entre A Pastoriza e Picotes e a mellora da rede de saneamento na contorna do río Lameira.
Neste repaso María Ramallo cinguiuse a aqueles proxectos para os que conta con financiamento, evitando falar doutros cuxa xestión aínda está en marcha.