María Ramallo, alcaldesa de Marín, sobre a convocatoria sanitaria de Lores: "É unha reunión máis de foto que de fondo"

Pontevedra
18 de xaneiro 2023

Representantes municipais e alcaldes do Partido Popular anunciaban este mércores 18 que, por decisión unánime, rexeitan asistir á reunión para tratar o tema sanitario co alcalde de Pontevedra. Invitan aos que asistan a ese encontro a que acorden medidas concretas para presentar o xoves 26 ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña

Representantes do Partido Popular rexeitan o "cumio sanitario" convocado polo alcalde de Pontevedra PontevedraViva

María Ramallo, alcaldesa de Marín, en nome dos alcaldes e representantes municipais do Partido Popular citaba aos medios de comunicación a primeiras horas deste mércores 18 para anunciar que, por unanimidade, decidiron non asistir á reunión convocada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para facer unha fronte común ante a actual situación na área sanitaria do distrito de Pontevedra.

A representante do Partido Popular explicou que se rexeita a iniciativa porque "non nos gustaron nin a forma nin o fondo". Argumento que a invitación realizouse por carta e que algúns dos convidados enteráronse antes polos medios de comunicación que pola misiva anunciando o encontro. Ademais, apunta a que moitos dos alcaldes e alcaldesas tampouco podían acudir pola coincidencia coa Feira Internacional de Turismo FITUR en Madrid.

Ramallo afirmou que "esta lexislatura foi exemplarizante na colaboración cos concellos no tema sanitario" por parte da Consellería de Sanidade que lidera Julio García Comesaña, indicando que se mantiveran diversas reunións a partir da pandemia, a última en agosto de 2022.

Expuxo que se están a implementar medidas desde 2018 ante unha situación de falta de médicos realizando convocatorias extraordinarias a través de concursos de méritos para cubrir prazas vacantes e establecendo contratos de intineridade para resolver a situación na Atención Primaria.

"Esta non é unha situación de hoxe nin de mañá senón de cara ao futuro", apuntaba a alcaldesa de Marín invitando a aqueles representantes dos concellos que acudan á reunión convocada por Fernández Lores a que estuden "medidas concretas" para expoñelas no encontro que manterán co conselleiro de Sanidade e co xerente da área sanitaria José Flores o vindeiro xoves 26 no edificio administrativo da Xunta en Campolongo ao que foron convidados nas últimas horas.

María Ramallo, en nome dos populares, entende que a xuntanza do alcalde de Pontevedra é "máis estética ou de foto que de fondo" e co obxectivo de facer unha "fronte común contra o desmantelamento da sanidade pública", frase que figuraba na carta enviada por Fernández Lores e que os integrantes do PP consideran "un feo ao conselleiro de Sanidade e ao xerente".

"Nós estamos en medidas concretas", apuntou Ramallo explicando que, durante o último ano e medio, o alcalde pontevedrés nunca a chamara para falar da situación sanitaria e por iso entende que este "cumio" organizado por Lores busca obxectivos políticos.