Foi un 19 de setembro de 1991 cando o matrimonio formado por María Seara e José Ángel Díaz "Pepe" abría a súa tenda MercaMas no número 1 da avenida de Lugo, en Pontevedra.
Algo máis de 32 anos despois, este venres 17 de novembro, ás 21:30 horas, a tenda que foi unha referencia no seu barrio baixaba a persiana definitivamente por xubilación dos seus propietarios. "O día de hoxe estámolo vivindo con certa melancolía porque levamos aquí tantos anos, pero bueno, sabemos que todo ten un comezo e un final e témonos que afacer á nova vida", asentía Pepe.
Unha das cousas ás que se terán que habituar é a descansar. "Teremos vacacións por primeira vez en 32 anos", coinciden en afirmar Pepe, de 65 anos, e María, de 68. "Ela esperou por min para que me xubilase", engade Pepe, resumindo o ben avindo que está este matrimonio, que xa cumpre 40 anos.
A súa neta dun ano ou dar longos paseos sen mirar o reloxo son algunhas tarefas pendentes que pensan realizar. Atrás deixan xornadas de traballo maratonianas que arrancaban ás 7:00 da mañá, "para preparar a charcutería, froita, antes de abrir", e prolongábanse ata as "dez ou as once da noite, porque sempre quedaba traballo por facer", completa María.
Mesmo os domingos, Pepe achegábase á tenda para colocar a mercadoría. "Os meus fillos estudaron no Sagrado Corazón e despois na universidade tamén estiveron os dous, e había que traballar para pagalo todo", di Pepe co orgullo de poder dar os seus fillos estudos. Pagou a pena? "Si, claro que si".
Antes de gozar ao cen por cen do seu "tempo de xúbilo" aínda lles resta pechar o papeleo final, que calculan que se prolongará ata o mes de febreiro.
O local é da súa propiedade e xa nos avanzan que teñen acordado alugarllo a unha empresa que proximamente instalará un negocio cuxas características non poden desvelar, por petición desta firma, pero que non estará destinado a alimentación. "Houbo moita xente interesada polo traspaso para seguir co supermercado, pero non nos convenceron".
INICIOS EN AMÉRICA
A historia deste matrimonio arrinca en Venezuela. María, orixinaria de Soutelo de Montes, chegou cos seus pais ao país americano con 6 anos. Pepe trasladouse dende a súa Asturias natal con 18 anos en busca dun futuro laboral, co seu título de FP de Mecánica de Motor debaixo do brazo.
Cando se coñeceron, María, tres anos maior que Pepe, acababa de terminar a carreira de Administración de Empresas. Xa casados, montaron un almacén de artigos de salón de peiteado, porque a familia de María tiña unha fábrica de champús e tintes e viron a oportunidade de centralizar a venda destes produtos.
Economicamente as cousas marchaban ben para este matrimonio, pero, case dun día para outro, a situación no país cambiou radicalmente. A "Terra de Gracia", como a bautizaba Cristóbal Colón, converteuse nun país hostil, con moita inseguridade nas rúas. "Cando as cousas empezaron a poñerse alí malas, tiñamos os nenos pequenos e dixemos ‘agora ou nunca’, e decidimos virnos".
"Cando as cousas empezaron a poñerse alí malas, tiñamos os nenos pequenos e decidimos virnos"
A chegada a Pontevedra foi a principios dos 90, pero a idea de regresar empezouse a xestar anos antes. "Nós viviamos alá en Venezuela cos meus pais, que son de Soutelo, e o que construíu este edificio era tamén veciño de Soutelo. Entón, en 1983, entre todos foise comprando aquí e, cando veu o momento viñémonos todos cos meus pais", explica María.
Entón, o Grupo Froiz diversificaba a súa oferta de supermercados con pequenas tendas. María e Pepe foron a falar cos xestores e desa conversación saíron co seu contrato de franquiados baixo a marca MercaMas. O matrimonio ten un recordo entrañable de Magín Alfredo Froiz.
Por iso, Pepe pide "agradecer a Froiz a confianza que depositaron en nós durante tantos anos, e sobre todo a José (fillo de Magín Alfredo) que sempre nos axudou cando o necesitamos". Neste punto, entrecórtaselle a voz. Tiveron que ser complicadas esas circunstancias ás que alude porque, a pesar de insistir, foi imposible que concretase que é o que ocorreu. Só alcanza a engadir que "sempre que fomos alá atendeunos moi ben", e de novo emociónase.
MOMENTOS INESQUECIBLES
Paradoxalmente, con máis apromo, Pepe relata o día en que uns atracadores estiveron a piques de acabar co negocio, e coa súa propia vida.
"Foi no ano 2000, máis ou menos, unha banda organizada romanesa. Golpearon á miña muller contra o andel, eu oín o ruído, vin ver que pasaba e xa vin ao home coa caixa nas mans. Tenteilla quitar, sacou un coitelo, picoume e saíu correndo. Perdín moito sangue, e veu moita xente para taparme a ferida", relata mentres ensina a cicatriz aínda visible no seu pescozo. "Viñémonos de Venezuela pola delincuencia e ao final… Polo menos podémolo contar".
Na pandemia, os propios veciños do barrio axudaron a descargar e colocar a mercadoría na tenda
Esta solidariedade da súa clientela revivírona vinte anos despois, coa pandemia da Covid. Pepe rememora as longas colas que se formaban ás portas do establecemento para comprar. "Viña a mercadoría e non nos daba tempo a colocala". Ata que un día, empezaron a chegar veciños a ofrecerse para botar unha man. "Despois de comer vimos e axudámosvos a colocar", dicían. "Os mesmos veciños, todos coas máscaras, descargabamos, poñiamos os carros por onde podiamos, polo almacén ou polo medio, e a xente preguntaba ‘onde vai isto? pois colócao aquí’, despois abriamos, e ao día seguinte de novo así".
María e Pepe queren agradecer a todos os veciños e clientes desta tenda que en 32 anos convertéronse xa en familia. "Temos avós, pais e netos, varias xeracións, algúns clientes tamén desapareceron". Recordos entrañables que asolagan a última xornada de traballo deste matrimonio que non parou de recibir bos desexos para este tempo de xubilación, e mesmo agasallos, como o ramo de flores que un mensaxeiro traía mentres realizabamos a entrevista.
"Feliz xubilación! Grazas! (de) Olaya, Aida e Diego" rezaba a tarxeta na que se contén o sentir de todo un barrio.