María Asunción Buceta, presidenta en funcións da Asociación de Novos Empresarios de Pontevedra tras a dimisión de Jesús Rey, continuará á fronte da entidade.
Así o decidiu este xoves a Asemblea Xeral de Socios de AJE Pontevedra celebrada no salón de actos do edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal de Pontevedra.
A asemblea abordou a reestruturación da Xunta Directiva ante a saída do seu anterior presidente e decidiu configurar un órgano directivo de continuidade ata finais de ano 2023.
A partir de aí, procederase á apertura dun proceso electoral que manteña unha organización flexible e aberta á sociedade, que continúe a liña de traballo marcada ata o de agora.
Os asistentes confirmaron por unanimidade o nomeamento de María Asunción Buceta como presidenta. En canto ao resto da Xunta Directiva, darase a coñecer nos próximos días.
Na Asemblea Xeral presentouse o balance de actividades do 2022 e aprobáronse por unanimidade as contas do 2022.
Tamén se deu a coñecer o Plan de actividades para o 2023, centrado na realización de actividades dinámicas e frescas, renovar convenios de colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra ou a Universidade de Vigo, impulsar o Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín que xestiona a asociación xunto ao Concello de Marín, e a realización do XXVI Premio AJE Pontevedra.