Marea propón substituir a EDAR de Praceres por "minidepuradoras" por todo o municipio

Pontevedra
29 de outubro 2015

Estas plantas instalaríanse, segundo Luis Rei, sempre respectando a distancia mínima que, por lei, deben ter con respecto a vivendas habitadas, uns 200 metros que "en Praceres non se está a cumprir". En todo caso, tanto o custo deste proxecto como os lugares nos que irían instaladas estas 'minidepuradoras' serían unha cuestión para resolver polos técnicos

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres PontevedraViva

Nun estado de dereito "ninguén está por riba da lei", lembra Luís Rei, portavoz de Marea Pontevedra. Por iso, non entenden como a Xunta de Galicia "ignora e despreza" unha sentenza ditada polo Tribunal Supremo que ordena o cesamento de actividade de Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Os Praceres. Neste sentido, sinala que "non é de recibo" que estean a pensar en ampliar unhas instalacións "que deberían estar pechadas".

Referíase así Luís Rei á partida de máis de dous millóns de euros que o goberno autonómico incluíu nos orzamentos para 2016 para ampliar a EDAR e que serviría, dixo, para "perpetuar unhas instalacións que son insostibles".

Por iso, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) presentará unha emenda no Parlamento para que ese diñeiro se destine a elaborar un plan de peche e o deseño dunha alternativa para a depuración de augas residuais na ría. Así o anunciou o portavoz de Marea Pontevedra, acompañado en rolda de prensa por Yolanda Díaz, deputada de AGE, que acusou de "rebeldía" á Xunta por "non escoitar á Xustiza" e a unhas sentenzas "contundentes e brutais".

Tras cualificar como "aberrante" esta desobediencia do goberno galego, ambos sinalaron a necesidade de buscar un modelo "alternativo, eficaz e ecolóxico" que resolva o problema da depuración de augas residuais en Pontevedra, un sistema do que se benefician unhas 125.000 persoas na comarca. Debe ter, afirmaron, "menos custo económico e un menor impacto urbanístico".

Tanto o custo deste proxecto como os lugares nos que irían instaladas estas 'minidepuradoras' serían unha cuestión para resolver polos técnicos

Así, Luís Rei mostrouse partidario de que a EDAR de Praceres sexa substituída por plantas de menor escala "espalladas" por todo o municipio, sempre respectando a distancia mínima que, por lei, deben ter con respecto a vivendas habitadas, uns 200 metros que "en Praceres non se está a cumprir". En todo caso, tanto o custo deste proxecto como os lugares nos que irían instaladas estas 'minidepuradoras' serían unha cuestión para resolver polos técnicos.

Estas plantas deberían de ter encaixe, dixo, no novo PXOM e para o seu financiamento poderíase recorrer a fondos europeos. Se fora así, segundo o portavoz de Marea, poderíase acordar unha "moratoria" para a execución da sentenza do Supremo para que a EDAR de Praceres seguise dando servizo aos concellos da ría mentres non entrasen en funcionamento estas novas instalacións.

Ademais, Marea reclama que, para a construción de novas vivendas no municipio, inclúase como requisito que os inmobles conten cunha pequena depuradora de augas grises, que segundo esta formación teñen un custo duns 6.000 euros e que serían "asumibles" dentro do custo de construción. Para iso, AGE presentará tamén no Parlamento que a Xunta incorpore unha liña de axudas para potenciar este sistema doméstico de depuración.