A carreira electoral á Xunta está en marcha e este domingo fixo unha nova escala en Pontevedra. Se o sábado foi a quenda do Partido Popular e Vox, este domingo foi o de Marea Galeguista. Na praza de Curros Enríquez, o candidato a presidente desta formación, Pancho Casal, compartiu escenario coa cabeza de lista da provincia, Peque González, e a filla de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda, ademais de integrantes e simpatizantes do partido.
O acto serviu tamén para conmemorar o aniversario do primeiro estatuto de Galicia redactado no 1936. A este feito referiuse Böveda para pechar o acto ao pedir ás novas xeracións que sigan loitando polos dereitos e a prosperidade de Galicia como fixo o seu pai, ao que cada ano todos os pontevedreses renden homenaxe no monumento na súa honra na Caeira. "Unha vez a miña nai preguntoulle ao meu pai que por que estaba na política, e el díxolle: os nosos nenos viven ben, eu quero que todos os nenos de Galiza vivan tan ben como os nosos. Ese é o espírito do galeguismo: vivir ben no noso país", recordó.
No plano puramente electoral, Casal centrou o seu discurso nunha alegación da identidade nacional de Galicia. "Defendemos que Galicia teña os mesmos dereitos que as outras nacións do Estado. Non pode ser que cando se fale nacións, só se nomee a Cataluña ou a Euskadi. Que iso mude só o podemos reivindicar as forzas polítcas con soberanía en Galicia, aquelas que tomamos as decisións exclusivamente en Galicia”, declarou.
Para defender o país, os seus símbolos e a todos os galegos, referiuse tamén ao mitin do sábado de Vox. "Estamos aquí logo de que onte uns fascistas insultasen a Castelao, que é como insultarnos a todas as galegas e galegos”, subrayó. E neste sentido lamentou que o goberno da Xunta use por interese electoral figuras propias do nacionalismo galego como Castelao ou Bóveda.