Nin touradas nin circos con animais na cidade. Marea Pontevedra asume as propostas do colectivo Touradas fóra de Pontevedra e asegura que non apoiará a renovación do convenio entre o Concello e a praza de touros e que non están dispostos a permitir que se celebren no municipio espectáculos que usen animais como entretemento.
Así llo trasladou o candidato de Marea Pontevedra, Luis Rei, a membros deste colectivo. Na xuntanza, na que tamén participou o número tres da lista, Guillermo Casalderrey, os representantes desta candidatura cidadá, comprometéronse a suspender o convenio da Praza de touros desde o concello.
Aseguran que non é posible que unha "actividade puntual" sirva para xustificar unha "subvención encuberta" que desde o ano 2000 supuxo máis de 600.000 euros, "necesarios para políticas sociais hoxe abandonadas desde o goberno municipal".
Para iso, Marea Pontevedra esixe ao Concello de Pontevedra que non renove dito convenio en abril e que sexa a nova corporación "a que o faga ou non". Afirman que os seus futuros concelleiros impedirán cos seus votos a renovación de dito convenio "que pasa a ser unha das liñas vermellas" para posibles acordos ou alianzas postelectorais.
ALTERNATIVAS AO CONVENIO TAURINO
Tamén dende a plataforma Galicia, mellor sen touradas demandan a busca dun modelo alternativo á renovación deste convenio. Entre os espazos que substituirían o actual acordo entre a casa do concello e os taurinos encóntrase o Estadio Municipal de Pasarón, con capacidade para máis de 12.000 espectadores, un aforamento superior ao coso; ou o Recinto Feiral de Pontevedra, cuxa superficie permitiría realizar actos de mediana capacidade.
Para os animalistas o desembolso "continuado" das arcas municipais "con destino á conta bancaria de empresarios taurinos" non só non supuxo un aforro para os pontevedreses, senón que "se converteu nunha auténtica canle de ingresos para unha actividade que cada ano obtén menor asistencia", como evidencian, sinalan, as fotografías da última feira taurina local.